Viveiro lembra aos hostaleiros a importancia de ter en regra as terrazas de verán

AMariñaXa
O Concello mantén aberto o prazo para renovar permisos e anima ao sector a cumprir coa normativa para garantir a seguridade e a boa convivencia
terrazas-hosteleria-covid
27 May 2025

Coa chegada da tempada estival, o Concello de Viveiro activa un chamamento ao sector hostaleiro para lembrar a necesidade de manter actualizadas as autorizacións para a ocupación da vía pública con terrazas, así como de estar ao día nos pagos correspondentes. A administración local mantén aberto o prazo para formalizar estes trámites, que poden realizarse tanto de forma presencial como a través da sede electrónica municipal.

Desde o goberno municipal destácase a importancia de que tódalas terrazas estean regularizadas, non só por unha cuestión administrativa, senón tamén para garantir o bo funcionamento da vila, mellorar a imaxe urbana e favorecer a convivencia cidadá. “As terrazas forman parte do atractivo turístico e comercial de Viveiro, pero é imprescindible que funcionen dentro dos límites establecidos”, sinalan fontes municipais.

Para tramitar ou renovar o permiso, os establecementos deberán presentar fotocopia da licenza de funcionamento ou a comunicación previa ao inicio da actividade, un plano detallado da situación da terraza a escala 1/100 que indique a superficie ocupada e os elementos de mobiliario, así como a copia da póliza de seguro esixida no artigo 8 da Ordenanza Reguladora.

As persoas interesadas poden dirixirse ao Departamento de Urbanismo ou consultar a web municipal para resolver dúbidas e obter máis información. O Concello manifesta a súa disposición para axudar e facilitar os procesos, co obxectivo de que ningún establecemento quede fóra do marco legal por descoñecemento ou falta de recursos.

A colaboración do sector é, segundo o Concello, “clave para a dinamización económica da vila”, e contribúe de maneira decisiva a crear un ambiente acolledor e ordenado para veciños e visitantes. Por iso, insístese na importancia de manter os permisos en regra e respectar os espazos asignados.

Desde o executivo local conclúen que unhas terrazas ben reguladas reforzan a seguridade, melloran a mobilidade e consolidan unha imaxe positiva de Viveiro como destino turístico e lugar habitable.

⚙ Configurar cookies
0.18173599243164