Viveiro inicia as obras para mellorar a eficiencia e a seguridade na piscina municipal

O Concello de Viveiro informa do inicio das obras destinadas a mellorar a eficiencia enerxética e reforzar a seguridade da piscina municipal, actuacións que se executan ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, cun investimento total de 48.324,48 euros.
Como consecuencia do comezo destes traballos, os vasos pequenos da instalación permanecerán pechados desde hoxe e durante todo o tempo que duren as intervencións, co propósito de garantir a seguridade das persoas usuarias e permitir un desenvolvemento axeitado da obra.
A intervención contempla o saneado interior da zona do vaso pequeno, a reparación do falso teito na área dos vasos, o acondicionamento da pintura interior e a mellora da cuberta para evitar filtracións provocadas polo deterioro dos canalóns e das chapas.
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, destacou que esta actuación “supón un paso adiante na conservación e modernización das instalacións municipais, ademais de mellorar a seguridade das persoas usuarias e a eficiencia global da piscina”. Agradeceu tamén a colaboración da Xunta de Galicia a través do convenio que permite levar a cabo estes traballos.