Viveiro inicia a renovación do colector de saneamento no río de Loiba

O Concello de Viveiro vén de dar comezo ás obras para substituír o colector de saneamento no ámbito do río de Loiba, unha infraestrutura que, segundo explican, xa superara a súa vida útil e provocaba vertidos de augas residuais ao medio natural.
O investimento ascende a 107.667,19 euros e o prazo máximo de execución está fixado en dous meses. A actuación prevé a instalación dun novo colector cun trazado alternativo e materiais máis duradeiros, co obxectivo de garantir un funcionamento axeitado do sistema e de preservar o equilibrio ecolóxico do río.
Entre as medidas adoptadas inclúese a colocación dunha canalización provisional para manter o fluxo da auga durante a obra, así como diferentes accións destinadas a reducir ao mínimo o impacto ambiental da intervención.
A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, salientou a importancia do proxecto: “Con esta actuación damos un paso decisivo para mellorar a calidade ambiental do río de Loiba e da praia de Covas. Trátase dunha obra fundamental para protexer a saúde pública e cumprir coa normativa ambiental e sanitaria vixente”.