Viveiro inicia a regularización do uso de espazos municipais por parte de asociacións

AMariñaXa
O Concello busca elaborar unha ordenanza e crear un rexistro actualizado das cesións de locais de titularidade pública
concello-de-viveiro-casa-consistorial-2022
7 Jun 2025

O Concello de Viveiro puxo en marcha un proceso para ordenar e regular o uso dos espazos de titularidade municipal que actualmente empregan diferentes entidades. O obxectivo principal é elaborar unha ordenanza específica e dispor dun rexistro completo e actualizado sobre estas cesións, que permita avanzar cara a unha xestión máis transparente e eficaz dos bens públicos.

Na actualidade, o Concello carece dunha normativa común e dun inventario unificado que recolla que asociacións ou colectivos fan uso destes locais, baixo que condicións e durante que períodos de tempo. Esta situación dificulta a supervisión e o control dos espazos municipais cedidos, así como a planificación dos recursos dispoñibles.

Co fin de poñer orde nesta cuestión, o Concello ditou un bando dirixido ás entidades que estean a utilizar de maneira continuada algún espazo público.

Segundo se indica no bando municipal, todas aquelas entidades deben remitir un correo electrónico ao enderezo nmd.secretaria@viveiro.es antes do 30 de xuño de 2025, no que inclúan o nome da asociación, o CIF, os datos da persoa que exerce a presidencia (nome e apelidos), así como un teléfono e un correo electrónico de contacto. Ademais, deben especificar que espazo municipal utilizan, detallando o horario de uso, as actividades que desenvolven nel e o período durante o cal veñen empregándoo. No caso de dispoñer dalgún documento que acredite a cesión do espazo, deberase achegar tamén unha copia no mesmo correo.

No caso de contar con documentación acreditativa da cesión, deberá achegarse tamén unha copia.

A información recompilada servirá como base para a creación do rexistro municipal de cesións e permitirá avanzar na regularización administrativa do uso destes espazos, garantindo un aproveitamento máis xusto, equilibrado e conforme á legalidade.

⚙ Configurar cookies
0.06059193611145