Viveiro inaugura unha campaña para concienciar sobre o uso dos novos colectores marróns
A Tenencia de Alcaldía de Viveiro dá comezo á campaña “Ti tes a chave”, que ten como obxectivo informar á veciñanza e ao tecido empresarial do municipio sobre o uso dos novos colectores marróns de residuos orgánicos. Como parte desta campaña, o martes 30 de abril haberá un posto de información dirixido aos veciños e ás veciñas na praza Maior, en horario de 10.30 a 13.30.
Nel entregaranse caldeiros, chaves e bolsas compostables para a recollida dos residuos. De xeito paralelo, o mesmo día durante a xornada do mediodía e da tarde, dous traballadores debidamente identificados irán visitar aos grandes produtores e á hostalería de Viveiro para proporcionar información sobre a campaña e facilitar as chaves ás entidades que decidan sumarse ó voluntariado marrón.
Con este obxectivo, realizaranse unhas visitas previas o luns 29 de abril, en horario de mañá e de tarde. O Concello informa de que haberá outras accións informativas a pé de rúa nas vindeiras semanas e meses. “Case a metade do lixo que producimos nas nosas casas é materia orgánica, polo que para cumprir coa lexislación vixente é moi importante que definamos cal é o noso modelo de xestión destes residuos”, explica a tenenta de alcaldesa Míriam Bermúdez, tamén concelleira de Medio Ambiente. Entenden que “o modelo que nos ofrece Sogama é o que se adapta mellor ás necesidades da nosa cidade, polo que optamos por poñer en marcha o sistema do colector marrón”, sinala Bermúdez.
Pretenden ser máis sostibles e iso só será posible “coa implicación de toda a cidadanía, polo que queremos facer unha chamada á participación das familias de Viveiro neste novidoso proxecto, que de seguro sentará as bases do que será a futura recollida de lixo da nosa cidade”, engade. O colector marrón, dirixido exclusivamente á recollida de residuos orgánicos, xa está instalado nas rúas do concello. Este novo depósito ten a particularidade de estar pechado, coa finalidade de garantir a correcta separación de residuos de xeito paralelo á concienciación da veciñanza.
As chaves necesarias para facer uso deste contedor serán entregadas no punto informativo, xunto cun cubo de 10 litros, bolsas compostables e un folleto informativo sobre o bo uso do colector. Os residuos que deben ir no colector marrón son: os restos de froita, verdura, carne e peixe, conchas de mariscos ou froitos secos, restos de pan, café, infusións, papel de cocina, restos de plantas, cortizas e, en definitiva, calquera resto orgánico. Pola contra, os residuos que nunca se deben depositar neste contedor son os envases, cueiros, compresas, bastonciños dos oídos, plásticos e calquera outro tipo de residuos non orgánicos.