Viveiro impulsa a rehabilitación integral da Praza de Abastos co apoio dos praceiros

O Concello de Viveiro continúa avanzando no proxecto de rehabilitación integral da Praza de Abastos, unha actuación que o actual goberno local considera estratéxica para o impulso do comercio de proximidade e a dinamización turística da cidade. A alcaldesa, Mariña Gueimunde, lembrou que “xa cando estabamos na oposición tiñamos claro que a Praza de Abastos é un enclave fundamental, non só polo valor do produto local, senón tamén pola súa relevancia como espazo de encontro e polo seu potencial turístico”.
Na Casa do Concello presentouse onte o programa “Formación Praceiros/as 2025”, unha iniciativa que serviu para dar a coñecer o proxecto de reforma e tratar cuestións vinculadas ás novas tendencias de consumo, á mellora dos servizos aos clientes e ao asesoramento personalizado para os profesionais do mercado. Durante o acto, destacouse que o Concello se atopa xa na segunda fase do proceso, centrada na redacción técnica do proxecto, despois de realizar un exhaustivo diagnóstico da situación actual das instalacións.
Mariña Gueimunde explicou que “estamos a elaborar o proxecto sempre en comuñón cos praceiros e praceiras, que son quen mellor coñecen o día a día e as necesidades reais do espazo”. A alcaldesa incidiu en que se trata dun plan “consensuado e necesario, que vai poñer en valor o noso patrimonio e fortalecer a actividade económica da Praza”.
Segundo apuntou, o goberno municipal está a traballar xa na preparación da solicitude de subvención que permita financiar a execución das obras e incluílas nos vindeiros orzamentos municipais, co obxectivo de iniciar os traballos canto antes. “Queremos que a Praza de Abastos de Viveiro volva ser un referente de dinamismo e calidade, tanto para quen merca cada día como para quen nos visita”, subliñou a rexedora.