Viveiro impulsa a regularización de vados para os accesos a garaxes

AMariñaXa
O Concello busca mellorar a seguridade, a accesibilidade e a estética das beirarrúas
casa-do-concello-de-viveiro
3 Sep 2025

O Concello de Viveiro informa á veciñanza da importancia de contar con saídas de garaxe debidamente autorizadas mediante o correspondente vado, tal e como establece a normativa vixente. Esta medida enmárcase dentro do plan municipal de mellora das beirarrúas, co obxectivo de garantir un uso ordenado do espazo público e asegurar que as persoas propietarias poidan acceder aos seus garaxes en condicións axeitadas.

Segundo explican desde o goberno local, a actuación forma parte dun proxecto máis amplo destinado a incrementar a accesibilidade, a seguridade peonil e a estética das rúas de Viveiro, fomentando un espazo urbano máis organizado, accesible e coidado para toda a cidadanía. Nas próximas semanas desenvolverase un plan de acondicionamento e mellora das beirarrúas, que incluirá, entre outras medidas, a sinalización e protección dos accesos a garaxes con vado autorizado. Contar cun vado oficial ampara legalmente o seu uso e facilita ao Concello planificar e executar as actuacións urbanísticas de maneira correcta.

O Concello fai un chamamento a todas as persoas que aínda non tramitaron a solicitude do vado para que acudan ás oficinas municipais e regularicen a súa situación canto antes. Ademais, o Concello prestará asesoramento e axuda para simplificar o proceso. Desde o goberno local, agradecen a colaboración da veciñanza, destacando que este esforzo conxunto redundará na mellora do entorno urbano e na convivencia no uso do espazo público.

⚙ Configurar cookies
0.16756010055542