Viveiro impulsa a expropiación de parcelas na Xunqueira para reducir o risco de inundacións no río Fontecova

AMariñaXa
O pleno do martes tratará un proxecto estratéxico que permanecía paralizado desde novembro e que conta cun investimento próximo ao millón de euros
casa-do-concello-de-viveiro
10 May 2025

O Concello de Viveiro levará ao pleno deste martes a aprobación da expropiación forzosa das parcelas da zona da Xunqueira, unha actuación fundamental dentro dun proxecto de melloras estruturais destinadas a minimizar o risco de inundacións no río Fontecova.

A iniciativa conta cun convenio de colaboración asinado o 8 de xullo de 2023 entre o Concello, Augas de Galicia e a Deputación de Lugo. Segundo o acordo, Viveiro debía expropiar e ceder os terreos afectados, mais o proxecto quedou estancado durante meses. A alcaldesa, Mariña Gueimunde, sinalou que ao chegar ao cargo, o 14 de marzo, o novo equipo de goberno atopouse cun requirimento de Augas de Galicia lembrando que non se cumpriran os compromisos adquiridos desde o 13 de novembro do ano pasado.

“Desde esa data non se avanzou nada, e nós retomamos o expediente en canto accedemos á alcaldía”, explicou Gueimunde. O equipo actual atrasou unha semana o pleno para tentar acadar os consensos necesarios e evitar riscos que poderían implicar a perda da subvención.

O proxecto, que ten vixencia ata finais de 2026, conta cun orzamento total de preto dun millón de euros, cofinanciado por fondos europeos do Plan NextGeneration. Augas de Galicia aportará 600.000 euros, mentres que tanto a Deputación como o Concello destinarán 193.348,73 euros cada un.

A rexedora lamentou que o anterior goberno local, formado por PSOE e BNG, deixase nun caixón un proxecto “vital para a seguridade das persoas”, lembrando que nas inundacións de 2018 faleceu unha persoa. “Debemos centrarnos no que realmente importa á veciñanza e deixar atrás os temas que agora non son prioritarios”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.16746807098389