Viveiro impulsa a conciliación co seu campamento de verán para nenos e nenas de 3 a 14 anos

AMariñaXa
O programa desenvolverase en catro quendas entre xuño e agosto e contará cun reforzo de atención para menores con necesidades especiais
Campamento-urbano-viveiro-2023
30 May 2025

O Concello de Viveiro vén de anunciar unha nova edición do seu campamento de verán, unha actividade incluída no Programa Corresponsables que busca facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante os meses de vacacións escolares. A proposta desenvolverase en catro períodos distintos entre o 30 de xuño e o 29 de agosto e está dirixida a crianzas nacidas entre os anos 2009 e 2021.

As familias interesadas poderán realizar a inscrición entre o 30 de maio e o 6 de xuño, ben a través da sede electrónica do Concello ou presencialmente no Rexistro municipal. O campamento contará cun total de cen prazas dispoñibles e levarase a cabo nas instalacións do pavillón do CEIP Lois Tobío, en horario de mañá, de 8.30 a 14.30 horas, aínda que a entrada poderá realizarse de maneira flexible ata as 10.00 horas.

A iniciativa desenvolverase en catro quendas quincenais: do 30 de xuño ao 15 de xullo, do 16 de xullo ao 1 de agosto, do 4 ao 14 de agosto e do 18 ao 29 de agosto. Os nenos e nenas poderán participar durante todo o verán ou escoller as quendas que mellor se adapten ás súas necesidades.

O criterio de acceso prioriza ás familias nas que ambos proxenitores teñan unha actividade laboral en curso, así como a aquelas persoas que teñan ao seu cargo menores de maneira exclusiva. No caso de que o número de solicitudes supere as prazas dispoñibles, o Concello realizará un sorteo, cuxa data será publicada na páxina web institucional.

Este ano o programa incorpora varias novidades orientadas a mellorar a atención e adaptarse ás necesidades actuais das familias. Entre elas destaca a contratación dun monitor adicional especializado para apoiar ao grupo de menores con necesidades educativas especiais, reforzando así a calidade do servizo.

Tamén se poñerá en funcionamento unha bolsa de coidado profesional de 60 horas destinada a menores de ata 16 anos que precisen atención puntual. Terán prioridade para acceder a este recurso as familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero, mulleres maiores de 45 anos, mulleres en situación de desemprego de longa duración e unidades familiares con responsabilidades adicionais de coidados.

Ademais, o Concello lembra que a Xunta de Galicia ofrece o Bono Concilia, un apoio económico para sufragar servizos de conciliación como coidadores a domicilio, campamentos ou ludotecas, orientado a familias con fillos e fillas de ata 13 anos. A tramitación deste bono pode realizarse normalmente a partir de setembro, e tanto o Concello como a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) están dispoñibles para asesorar ás persoas interesadas neste procedemento.

⚙ Configurar cookies
0.157958984375