Viveiro finaliza a redacción da nova Ordenanza de Tenza de Animais

A tenencia de Alcaldía do Concello de Viveiro completou recentemente a redacción da nova Ordenanza de Tenza de Animais, co obxectivo de mellorar a convivencia responsable entre a veciñanza e os animais de compaña. O texto da ordenanza será agora exposto ao público para que as persoas interesadas poidan consultalo e facer achegas antes de ser debatido en comisión cos grupos municipais, co fin de buscar o maior consenso posible antes da súa aprobación no pleno.
Os cidadáns poderán consultar o borrador da ordenanza na páxina web do Concello e nos espazos de información cidadá habilitados polo propio Concello.
Desde a tenencia de Alcaldía e a Concellería de Medio Ambiente, destacan que esta normativa "representa un paso fundamental para ordenar e mellorar a realidade da tenza de animais en Viveiro, garantindo un marco claro de dereitos e deberes".
A ordenanza establece normas para a protección, tenza e benestar dos animais domésticos, de compaña e silvestres en catividade dentro do termo municipal. Entre os puntos máis relevantes inclúense a regulación das condicións de alimentación, hixiene e benestar dos animais, así como a obrigatoriedade de identificación mediante microchip. A normativa tamén establece que os animais deberán ir atados fóra das zonas habilitadas e que os propietarios serán responsables de recoller os excrementos.
A tenza de cans potencialmente perigosos tamén se regula, establecendo a licenza municipal obrigatoria e medidas de seguridade. A nova norma tamén implanta un sistema de xestión ética de colonias felinas mediante o método CER (Captura, Esterilización e Retorno) para controlar a poboación de gatos comunitarios.
Por último, a ordenanza tamén inclúe a creación de Zonas de Esparexemento Canino (ZEC), espazos habilitados para que os cans poidan correr e interactuar con seguridade. As ZEC estarán situadas en puntos estratéxicos como a zona verde contigua ao parque infantil de Celeiro, a praia de Seiramar e a zona de Nogueiras en Viveiro, entre outras. Estas zonas estarán dotadas de valados de seguridade, mobiliario adaptado e dispensadores de bolsas para a recollida de excrementos.