Viveiro exixe á Xunta que garanta o servizo de Madrugadores en todos os colexios

AMariñaXa
A alcaldesa María Loureiro critica a falta de apoio e lembra que o servizo é clave para a conciliación familiar e laboral
Imaxe recurso de estudantes
13 sep 2024

O Concello de Viveiro denuncia a falta de respaldo da Xunta de Galicia no que respecta ao servizo de madrugadores nos centros educativos do municipio. Recentemente, diversas ANPAS e responsables das escolas públicas acudiron ao Concello en busca de apoio, despois de que a Xunta rexeitase as súas solicitudes de subvención para este servizo esencial.

A alcaldesa María Loureiro subliña a importancia do servizo de Madrugadores, destacando que "é absolutamente esencial na actualidade, xa que desempeña un papel clave na conciliación da vida familiar e laboral". Loureiro reclama que este servizo debería estar garantido pola Xunta de Galicia para todos os colexios da comunidade, en lugar de depender de subvencións, dado o seu carácter indispensable para as familias.

A situación agrávase coa recente subida dos prezos dos libros e outros gastos escolares, que poden superar os 1000 euros para unha familia media con dous fillos. "Reclamamos á Xunta que asuma as súas responsabilidades no ámbito educativo e garanta o servizo de madrugadores, xa que estamos obrigados a investir en áreas que non son da nosa competencia", indica Loureiro.

A alcaldesa tamén critica que os Concellos se vexan forzados a asumir custos que deberían ser responsabilidade da Xunta, como os gastos en luz, limpeza, salarios e seguridade social dos conserxes, así como a colaboración en servizos de madrugadores e autobuses para viaxes escolares. No ano 2023, o Concello de Viveiro investiu un total de 366.224,18 euros en mantemento e funcionamento dos centros educativos.

Adicionalmente, o Concello cubriu gastos da gardería municipal Garabatos, por un total de 185.304,79€, cunha achega parcial da Xunta de Galicia de 83.906 euros para o curso 2023-2024. Loureiro insiste en que estas cantidades deberían ser asumidas pola Xunta, en lugar de ser cubertas polo Concello, que se ve obrigado a garantir servizos fundamentais para a comunidade.

0.14959788322449