Viveiro enxalzará a figura de Maruja Mallo cun ciclo de conferencias
O Concello de Viveiro acolleu o primeiro ciclo de conferencias Maruja Mallo. Viveiro e a vangarda do século XX. A cita, co obxectivo de enxalzar a figura da artista viveirense, contou cos relatorios de José Luis Ferris e Carlos Nuevo Cal.
“Rescatar do esquecemento a traxectoria de Maruja Mallo é un obxectivo para nós como goberno local, co obxectivo de que a cidadanía desfrute da súa obra e coñeza a súa figura”, resalta María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
Na conferencia, ambos expertos sobre a figura de Maruja Mallo deron a coñecer facetas feministas desta muller, ata o momento ocultas. A cita suscitou un interesante debate sobre a traxectoria tanto persoal como cultural de Maruja Mallo.
O ciclo de conferencias continúa co programa do Día Internacional da Muller do Concello de Viveiro, que tiña como eixo central a figura desta artista viveirense, para dar visibilidade ao percorrido das mulleres artistas.
Concretamente, José Luis Ferris, ofreceu o relatorio “De Viveiro ao mundo. Maruja Mallo a gran vangardista europea”; mentres que Carlos Nuevo compartiu a conferencia “Maruja Mallo, dende Viveiro ao Madrid Republicano”.
“Sen dúbida, a cita de onte suscitou un gran interese sobre a figura de Maruja Mallo, abrindo a porta a investigar e navegar pola vida desta extraordinaria muller nada en Viveiro hai 120 anos”, sinala a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.
Estas conferencias continuarán nos próximos meses, dado o éxito da primeira edición. Como xa adiantou o Concello de Viveiro, a vindeira cita será o 21 de abril, da man de Antón Reixa, quen falará sobre o seu documental "Maruja Mallo, mitad ángel, mitad marisco".