Viveiro entrega a Medalla de Ouro da Cidade á Confraría de Celeiro no seu centenario
O Concello de Viveiro fixo entrega da medalla de Ouro da Moi Noble e Moi Leal Cidade de Viveiro á Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Celeiro, con motivo do centenario da súa fundación.
Ao acto, celebrado no Teatro Pastor Díaz, asistiron o conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares Bermúdez, e a subdelegada do goberno en Galicia, Isabel Rodríguez, que compartiron a mesa do escenario coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; o patrón maior da confraría, Domingo Rey Seijas, e o seu secretario, Manuel Máximo Díaz Méndez.
“Viveiro e Celeiro son sinónimos de pesca, de xente do mar, por iso no acto de hoxe non só conmemoramos unha data simbólica, senon que esta cerimonia é tamén unha homenaxe a tantas familias e a tantas persoas do noso concello que adicaron a súa vida ao mar e á pesca, contribuíndo a facer deste sector o noso sinal de identidade”, asegurou María Loureiro.
“Falamos dunha entidade que leva 100 anos destacando pola súa contribución constante e en diferentes ámbitos á comunidade na que opera, ao pobo no que ten a súa sede e a súa actividade”, engadiu a alcaldesa.
“Grazas a todos e a todas as que dalgunha forma estades vinculadas á confraría de Celeiro, que seguirá cumprindo anos, décadas e séculos con total seguridade, loitando polo futuro da pesca e do mar, ou o que é o mesmo, loitando polo futuro do noso pobo, de Viveiro”, rematou Loureiro.
ALFONSO VILLARES
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou no acto de entrega da Medalla de Ouro da Moi Noble e Moi Leal Cidade de Viveiro á Confraría de Celeiro con motivo da celebración do seu centenario. O titular de Mar celebrou este xusto recoñecemento ao pósito e enxalzou o seu compromiso e os 100 anos de traballo desta entidade na defensa dos profesionais do sector e do porvir da súa actividade. Louvou a traxectoria da confraría máis antiga da provincia de Lugo e o labor dos 18 patróns maiores que van desde o primeiro en 1923, Bonifacio Cora, Pañoletas, ata Domingo Rey Seijas que lidera a confraría na actualidade.
Alfonso Villares puxo en valor a importancia do porto Celeiro no que a pescada é o produto estrela, acaparando no 2022 o 45 % das descargas e preto da metade do valor xerado nas lonxas galegas. Tamén destacou que as 25 embarcacións vinculadas a este porto lucense concentran case o 30 % de toda a capacidade pesqueira deste peixe en augas europeas e que conta con dúas marcas Merluza do pincho de Celeiro e Merluza de volanta de Celeiro para poñer en valor un produto extraído polos armadores lucenses no Gran Sol a través de artes selectivas e sostibles. O responsable trasladou á entidade homenaxeada o compromiso da Xunta de poñer en marcha políticas que contribúan a garantir o futuro do sector marítimo-pesqueiro galego a hora de enfrontar os retos presentes e futuros.