Viveiro énchese de literatura coa chegada da Feira do Libro

AMariñaXa
Os Xardíns de Noriega Varela acollerán catro días de presentacións, sinaturas e actividades culturais
Feira-do-libro-2-viveiro
Feira do Libro de Viveiro
11 Aug 2025

Viveiro converterase desde mañá no epicentro literario da Mariña coa inauguración dunha nova edición da Feira do Libro. A cita, que se prolongará ata o venres 15, terá como escenario os Xardíns de Noriega Varela e abrirá as súas portas en horario de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas.

O evento forma parte do circuíto das Feiras do Libro de Galicia e conta coa colaboración da Xunta, a Federación de Librarías de Galicia, a Deputación de Lugo e o propio Concello viveirense. Librarías, editoriais e autores compartirán espazo para ofrecer ao público unha ampla variedade de títulos, cun desconto especial do 10 % en cada compra.

Este ano, o lema elixido é «Onde florecen os libros», unha declaración de intencións que se reflicte na programación. Ao longo de catro xornadas, os asistentes poderán participar en sinaturas, presentacións literarias e diferentes actividades culturais pensadas para todos os públicos.

A alcaldesa, Mariña Gueimunde, subliñou que esta feira “é un punto de encontro entre lectores, autores e profesionais do sector” e unha oportunidade para “gozar da literatura ao aire libre nun espazo privilexiado como son os Xardíns de Noriega Varela”.

Toda a programación, cos horarios detallados de cada actividade, está dispoñible na web librarias.org.

⚙ Configurar cookies
0.10364198684692