Viveiro encara os últimos días para participar no IV Concurso de Marchas Procesionais “Blas García Liz 2026”

AMariñaXa
O certame consolídase como un referente galego da creación musical ligada á Semana Santa, cun premio de 2.000 euros e estrea no programa Adral
viveiro-concurso-composicion-marchas-2022-1
5 Jan 2026

O Concello de Viveiro, a Xunta de Cofradías e a Banda de Música “O Landro” lembran que entra na súa recta final o prazo para presentar obras ao IV Concurso de Composición de Marchas Procesionais “Blas García Liz 2026”, unha convocatoria que se foi afianzando co paso das edicións como unha das máis destacadas no panorama galego da música procesional.

Desde a organización destacan que o concurso naceu coa vocación de abrir un espazo creativo no que compositoras e compositores de calquera procedencia poidan achegar novas pezas ao patrimonio musical da Semana Santa viveirense. O obxectivo, segundo explican desde a Banda “O Landro”, é seguir ampliando o repertorio con obras inéditas que destaquen pola súa calidade artística, sensibilidade e respecto pola tradición.

A participación está aberta a autores e autoras de todas as idades e nacionalidades, sempre que as composicións sexan orixinais e completamente inéditas, sen ter sido interpretadas nin difundidas previamente. As bases do certame poden consultarse a través do código QR do cartel oficial, así como nas ligazóns facilitadas polas entidades convocantes e no perfil de Instagram da organización.

Para garantir o anonimato durante o proceso de selección, as partituras deberán enviarse en formato PDF sen datos identificativos, xunto cun arquivo de audio en mp3. Ademais, será necesario achegar o formulario de inscrición segundo o modelo establecido, que quedará baixo custodia do coordinador do concurso ata que se faga público o fallo do xurado.

As propostas deberán remitirse exclusivamente por correo electrónico á dirección composicionblasgarcializ@gmail.com
antes do 9 de xaneiro de 2026 ás 23.59 horas. O xurado desta cuarta edición estará integrado polos compositores Fernando Buide del Real e David Rivas Domínguez, xunto co director David Fiuza Souto, tres nomes de recoñecido prestixio no ámbito musical.

A obra gañadora será estreada pola Banda de Música “O Landro” dentro da programación cultural Adral 2026 e recibirá un premio económico de 2.000 euros, ao que se lle aplicarán as retencións fiscais correspondentes. Desde a organización animan a participar nun certame que contribúe a preservar a identidade cultural de Viveiro ao tempo que impulsa a creación musical contemporánea.

⚙ Configurar cookies
0.076864957809448