Viveiro e Xunta activan a rexeneración do Souto da Retorta cun proxecto en dúas fases

AMariñaXa
O espazo natural, pechado por motivos de seguridade, verá substituídos algúns eucaliptos por especies autóctonas como ameneiros
Viveiro-Concello-gobenro-local-PP-PSOE-e-BNG-XV
2 May 2025

O Concello de Viveiro e a Xunta de Galicia deron hoxe un paso adiante na recuperación dun dos seus espazos naturais máis emblemáticos: o Souto da Retorta, situado na parroquia de Chavín. O proxecto de rexeneración, que se desenvolverá en dúas fases, permitirá devolver a vitalidade a esta paraxe singular, actualmente pechada ao público por razóns de seguridade debido ao deterioro dalgúns dos seus exemplares arbóreos.

O enclave, que acolle 270 eucaliptos, é un dos principais atractivos turísticos do municipio. Non obstante, para garantir a integridade das persoas visitantes, aquelas árbores máis danadas serán retiradas e substituídas por especies autóctonas, como os ameneiros, co obxectivo de preservar o valor natural e paisaxístico do lugar cun enfoque máis sostible.

A previsión é que as obras poidan comezar no mes de setembro, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. Debido á dificultade de acceso e á singularidade do espazo, o proxecto incluirá un estudo xeotécnico co fin de evitar posibles colapsos e determinar as mellores condicións para a entrada de maquinaria pesada sen afectar negativamente ao entorno.

Un dos símbolos máis queridos do Souto, O Avó —o eucalipto máis groso e recoñecido da contorna—, está fóra de perigo. Con todo, seguirá recibindo os coidados necesarios, como os que no seu día levaron á protección do seu contorno inmediato para evitar compactación do chan e facilitar a súa conservación a longo prazo.

Na reunión mantidapara perfilar as liñas principais da intervención participaron representantes municipais e autonómicos. Estiveron presentes a alcaldesa Mariña Gueimunde; o subdirector xeral de Patrimonio Natural, Tomás Fernández Couto; o delegado territorial de Medio Ambiente, Jesús Montouto; o tenente de alcaldesa, Martín Vale; os concelleiros Vicente Vázquez Chao, María Loureiro, Míriam Bermúdez e Manuel Galdo.

O Concello destaca que esta actuación será un exemplo de como conciliar a conservación ambiental coa seguridade e o turismo responsable, devolvéndolle á cidadanía un espazo natural de gran valor ecolóxico, histórico e emocional.

⚙ Configurar cookies
0.16005206108093