Viveiro e Xove seguen sumando casos e aumentan en menor medida en Burela e Cervo

TerraChaXa | AMariñaXa
A situación epidemiolóxica na provincia de Lugo dispárase ao aumentar os casos activos en 73 máis nas últimas 24 horas ata chegar a 699 (onte foron 44), xa que nas últimas horas rexistráronse 87 contaxios novos (onte foron 34 máis) mentres que as altas chegan ás 6.
Viveiro e Xove seguen sumando casos e aumentan en menor medida en Burela e Cervo
9 Xan 2021

A situación epidemiolóxica na provincia de Lugo dispárase ao aumentar os casos activos en 73 máis nas últimas 24 horas ata chegar a 699 (onte foron 44), xa que nas últimas horas rexistráronse 87 contaxios novos (onte foron 34 máis) mentres que as altas chegan ás 6.750, 22 máis que o venres (o día anterior foron 35).

Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 7.598 casos rexistrados e 146 persoas falecidas, trala morte dunha usuaria da residencia de Xove. Faleceu tamén outra persoa no mesmo centro pero aínda non figura no balance do Sergas, que só conta os datos da xornada anterior ata as 18.00 horas.

Coa UCI baleira unha xornada máis a presión hospitalaria en planta suma só un caso ata os 18 ingresados que hai: 5 no Hula, 11 no Hospital da Mariña (un máis) e 2 no Hospital de Monforte (un menos).

A situación na Mariña segue descontrolada con Xove en 103 casos xa, dous máis que onte, e Viveiro con 111, doce máis que onte, con incidencias acumuladas por habitante, en especial en Xove, das máis altas da provincia.

Os dous están con peche perimetral e control da hostalaría así como medidas de aforo ao estar en estado de alerta, pero non logran conter o virus.

Burela, segue sumando casos, once máis que onte, e xa son 41, mentres Cervo crece en menor medida, con tres casos, que fan un total de 14. Ribadeo diminúe pouco a pouco ata os 23 (un menos que onte).

O resto de concellos mariñaos teñen moi baixa a incidencia e Lourenzá e Barreiros son os únicos onde non houbo casos novos de covid na última quincena.

No resto da provincia preocupa a situación na Pastoriza, que suma 35 casos nunha xornada, mentres Vilalba segue subindo aínda que a menor velocidade. En Chantada e Monforte están tamén certificados 16 e 22 casos, respectivamente, nos últimos días e Lugo volve estar por riba dos 100.

AS NOVAS NORMAS

O incremento de casos na provincia de Lugo vai en correlación coa situación no resto de Galicia polo que onte se estableceron novas medidas restrictivas en especial en cidades como A Coruña, Ourense e Santiago.

En canto ao peche perimetral da comunidade autónoma estenderase durante todo o mes de xaneiro para poder resolver dunha forma máis satisfactoria todos os aspectos relacionados coa mobilidade cos concellos do norte de Portugal, con especial fincapé por tanto nas localidades fronteirizas de Verín (Ourense) e Tui (Pontevedra). Nun principio, o día 11 ía levantarse esta medida, unha das aplicadas para conter a propagación do virus, pero o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou da ampliación do prazo.

Aplicaranse restricións correspondentes a nivel alto nas residencias, polo que os internos non poderán saír do centro e limítanse as visitas a unha persoa á semana cun único familiar, neste "momento tan crítico, cun desenvolvemento bastante avanzado do proceso de vacinación e para evitar posibles gromos".

Ademais, intensificaranse os cribados nos próximos días e a realización de PCR, co foco posto nos universitarios. O rexistro de viaxeiros orientado especificamente aos estudantes que volven ás cidades nas que cursan seguirá ao dispor dos alumnos, que poden anotarse e serán citados para someterse a unha proba diagnóstica.

GALICIA

Tan só tres días despois de finalizar as festas do Nadal, Galicia bateu o seu propio récord de toda a pandemia cun total de 798 contaxios, nunha xornada na que tamén aumentaron as probas realizadas en 24 horas.

O crecemento das novas infeccións sostense en todas as áreas sanitarias salvo nunha, a de Ferrol, que baixa a 28 positivos detectados nun día (18 menos).

En canto ao resto, a área sanitaria de Vigo disparouse ata notificar 209 novos contagios por coronavirus, 143 máis que os do día anterior. A da Coruña-Cee subiu en 47, e  Santiago-Barbanza rexistrou 30 máis.

Tras Lugo, Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras rexistra 79 positivos e Pontevedra-O Salnés, 55.

Con todo, a pesar do aumento dos contaxios e os casos activos, a presión hospitalaria reduciuse lixeiramente no último día ao descender en oito os pacientes ingresados en planta, ata os 342, aínda que en unidades de coidados intensivos (UCI) a cifra mantense en 63.

En total, a comunidade galega ten 405 persoas diagnosticadas de coronavirus nos seus hospitais. De todas elas, a metade repártense entre as áreas sanitarias da Coruña-Cee e Santiago-Barbanza.

Desde o principio da pandemia, en Galicia rexistráronse 67.999 casos de coronavirus, dos que 59.172 curáronse, 406 nas últimas 24 horas.

Así mesmo, a crise sanitaria deixa na comunidade galega ata o momento 1.441 falecidos, despois do últimas cinco vítimas mortais notificadas por Sanidade na tarde do venres.

0.1362931728363