Viveiro e Xove énchense de comercio e visibilidade coa nova campaña da FCAM

Foz
AMariñaXa
A iniciativa da FCAM sorteará 500 euros en vales de compra e traerá á comarca a coñecidos profesionais da comunicación para promover o pequeno comercio e o turismo local
FCAM-de-compras-pola-marina
Actualizada el 21 noviembre 2025, 12:02 horas
17 Nov 2025

A campaña impulsada pola Federación de Comercio A Mariña (FCAM) continúa o seu percorrido pola comarca e fará parada esta fin de semana en Viveiro e Xove, onde chegará o 22 de novembro acompañada de novos e destacados convidados. A presidenta da entidade, Carmen Cruzado, explicou que o funcionamento será idéntico ao aplicado nas anteriores etapas celebradas en Barreiros, Mondoñedo e A Pontenova.

As persoas que realicen compras nos establecementos asociados ao CCH Viveiro e nos comercios de Xove entre os días 17 e 22 de novembro participarán automaticamente no sorteo de 500 euros en vales de compra. O sorteo terá lugar o sábado 22 ás 20:00 horas na Praza do Concello de Xove, e contará coa presenza de catro recoñecidos profesionais da información: José Ribagorda, Pepa Sastre, Sergio Martín e Darío Martínez, que serán os encargados de entregar os premios ás persoas gañadoras.

Cruzado destacou que a presenza destas figuras é unha oportunidade para dar a coñecer o territorio: “Con eles imos visitar espazos turísticos da Mariña, porque entendemos que comercio e turismo forman un binomio inseparable. Ademais, queremos que coñezan de primeira man a nosa gastronomía, que é unha das grandes fortalezas da comarca”.

A FCAM subliña que esta acción pretende reforzar o apoio ao comercio de proximidade, impulsando as compras nas tendas tradicionais das vilas mariñás. “Queremos que estes persoeiros sexan un reclamo e que o seu paso pola comarca contribúa a dinamizar a actividade económica”, engadiron. A campaña iniciou o seu itinerario a finais de outubro en Foz e Barreiros, continuou por Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo e A Pontenova, e culminará agora en Viveiro e Xove os días 22 e 23.

⚙ Configurar cookies
0.071218967437744