Viveiro e a Mariña reciben un amplo recoñecemento ao labor da Protección Civil en Galicia

O Concello de Viveiro estivo presente no acto de entrega das Medallas ao Mérito da Protección Civil de Galicia, celebrado na Estrada, unha cita na que se recoñeceu publicamente a entrega e o compromiso das agrupacións e das persoas voluntarias que traballan a diario pola seguridade da cidadanía. A Protección Civil viveirense foi unha das protagonistas dunha xornada marcada polo agradecemento institucional a unha labor constante e, en moitos casos, silenciosa.
No acto, Manuel Expósito recibiu a Medalla ao Mérito da Protección Civil de Galicia na categoría de Prata, un galardón que distingue unha traxectoria de servizo baseada na responsabilidade, a dispoñibilidade e a atención permanente ante situacións de risco. Así mesmo, a Agrupación de Voluntariado de Protección Civil do Concello de Viveiro foi tamén distinguida coa Medalla de Prata, recoñecemento que foi recollido en representación do colectivo por Rubén Estébanez.
Estes premios subliñan o papel fundamental que desempeñan os voluntarios e voluntarias, que durante anos veñen protexendo á veciñanza con entrega, profesionalidade e vocación de servizo público, actuando con rapidez e eficacia ante calquera incidencia.
A Mariña contou con máis recoñecementos nesta edición. A secretaria da Agrupación de Persoas Voluntarias de Protección Civil de Barreiros, Ramona Rodríguez Pérez, coñecida como “Nita”, recolleu a Medalla ao Mérito da Protección Civil de Galicia correspondente ao ano 2025. O distintivo, outorgado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte, recoñece a súa dedicación continuada tanto na participación en operativos como no impulso, organización e crecemento da propia agrupación local.
Trátase dun novo recoñecemento á súa traxectoria, neste caso a nivel galego e por proposta das propias agrupacións de protección civil de ámbito supramunicipal, que quixeron destacar o seu compromiso co servizo público, a solidariedade e a axuda altruísta.
O acto serviu tamén para distinguir a María Dolores Martínez Orizales, do Vicedo, e a Miguel Varela Penabad, de Ourol, que recibiron a medalla de bronce pola súa entrega e implicación, así como a María Jesús Rubal Oubiña, de Mondoñedo, condecorada co distintivo de permanencia, en recoñecemento á súa continuidade e constancia ao longo dos anos.