Viveiro destaca o éxito que tivo o teatro a cargo de persoas con diversidade funcional

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Viveiro acolleu este fin de semana cun gran éxito de asistencia e participación a segunda edición de SuperArte, o Certame de Teatro Feito por Persoas con Diversidade Funcional, unha iniciativa que consolida o seu modelo de municipio “inclusivo e integrador”.
29 Oct 2019

O Concello de Viveiro acolleu este fin de semana cun gran éxito de asistencia e participación a segunda edición de SuperArte, o Certame de Teatro Feito por Persoas con Diversidade Funcional, unha iniciativa que consolida o seu modelo de municipio “inclusivo e integrador”.

“O balance é moi positivo, cun gran traballo da concelleira de Cultura, Lara Fernández-Noriega, e moito máis público que o ano pasado, a sensación da organización é que se deu un paso adiante cunha repercusión en toda Galicia; de feito, diversas asociacións de diversidade funcional puxéronse xa en contacto co concello para interesarse e ofrecer a súa axuda de cara á organización do certame en 2020”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. 

En opinión da alcaldesa, “desde as administracións públicas temos que facer o posible para que as persoas con diversidade funcional convivan na sociedade con todos os seus dereitos e este certame pretende concienciar e sensibilizar á sociedade en xeral deste obxectivo, temos que comprender que é un traballo de todos”.

Nesta edición, a resposta da comunidade educativa do IES María Sarmiento e do CEIP Lois Tobío “foi marabillosa na charla ofrecida por Iván Vázquez e a súa familia; el ten un canal en YouTube no que mostra como é o día a día dunha familia xorda”. Escolléronse estes dous centros por que en cada un deles hai un alumno xordo e considerouse interesante que os seus compañeiros tiveran información sobre a xordeira, como deben facer ou a linguaxe de signos.

Por outra parte, contouse coa actuación da compañía semiprofesional de persoas xordas ‘El Grito’, de Madrid, á que asistiron como público un número importante de persoas xordas chegadas de toda Galicia.

O Concello de Viveiro quere agradecer o traballo da empresa Entresignos, de tradución a linguaxe de signos, xa que todas as actividades contaron con intérpretes. Grazas tamén ao Concello de Nigrán, que cedeu mochilas vibratorias, coas que as persoas xordas puideron asistir onte a un concerto inclusivo no que puideron sentir a música.

0.15728497505188