Viveiro desprega unha ampla programación de Nadal con propostas para todos os públicos

AMariñaXa
O Concello organiza máis de dúas semanas de actividades culturais, musicais, deportivas e de lecer entre o 18 de decembro e o 5 de xaneiro
Viveiro-decoracion-Nadal-2021-(8)
19 Dec 2025

O Concello de Viveiro deu a coñecer a programación especial de Nadal para este ano, un calendario amplo e variado que se desenvolverá entre o 18 de decembro e o 5 de xaneiro e que inclúe actividades culturais, musicais, deportivas e de lecer, ademais de propostas pensadas para facilitar a conciliación familiar durante as vacacións escolares. O obxectivo, segundo explica o goberno local, é ofrecer alternativas para todos os públicos e encher a vila de ambiente festivo ao longo destas datas sinaladas.

A programación arrinca o xoves 18 coa emisión do último programa do ano da radio “Onda Inclusiva” e coa actuación de fin de curso do CEP Lois Tobío, que terá lugar ás 18.00 horas no Teatro Pastor Díaz. Ao día seguinte, o venres 19, abrirá as súas portas o Mercado de Nadal “A trastenda de Nicomedes”, ás 17.00 horas na sala multiúsos da Casa do Concello, mentres que pola noite celebrarase a cea de Nadal da Comisión de Festas de Viveiro no Hotel Thalasso Cantábrico Las Sirenas.

O sábado 20 combinará deporte e música, cunha proba da Copa Galicia de Ciclocross en Lavandeiras, en Celeiro, desde as 11.00 horas, o Festival de Nadal da Unidade Pastoral de Viveiro nos Claustros de San Francisco ás 17.00 horas e o concerto “Volven os 80” da Banda de Música O Landro ás 20.00 horas no Teatro Pastor Díaz. O domingo 21 inclúe a III Cronoescalada Monte Castelo en Galdo, o Festival de Nadal de Bágoas da Terra e a inauguración do Belén desta asociación na Biblioteca Municipal.

A semana previa ao Nadal estará marcada por actividades tradicionais e familiares, coa retransmisión da Lotería de Nadal no Teatro Pastor Díaz o luns 22 e o inicio do programa “Divernadal” no pavillón Antonio Tarrío. O martes 23 haberá exposicións, obradoiros, concertos de panxoliñas polas rúas da vila e unha actuación do grupo Xiró. Na tarde do mércores 24, Papá Noel chegará a Viveiro no seu trineo para recibir aos máis pequenos na Praza Maior.

Tras o Nadal, a programación continúa con concertos nas parroquias, espectáculos musicais e iniciativas dirixidas á mocidade, como o programa “Ocio Nadal Xuvenil”. Haberá tamén concertos corais, propostas solidarias, maxia, teatro infantil e eventos deportivos, ata culminar o día 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata dos Reis Magos, que percorrerá as principais rúas da vila antes de finalizar na Praza Maior, onde Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán a todos os nenos e nenas.

Desde o Concello destacan que esta programación pretende converter Viveiro nun punto de encontro durante o Nadal, apostando pola cultura, o lecer e a participación cidadá como eixos fundamentais destas festas.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

 

⚙ Configurar cookies
0.077437162399292