Viveiro crea unha praza de xefe da Policía Local e actualiza tarifas do SAF e taxis

AMariñaXa
O pleno municipal aproba por unanimidade as tres medidas, adaptándose á normativa autonómica e aos cambios de custes
lector-microchip-policia-viveiro
11 Apr 2025

O Concello de Viveiro deu luz verde por unanimidade, na sesión plenaria celebrada onte, á creación dunha nova praza de xefe da Policía Local. Esta decisión supón unha modificación respecto á proposta do anterior executivo local, que pretendía instaurar os cargos de inspector e inspector xefe, categorías que non están recollidas plenamente na lexislación autonómica vixente.

A alcaldesa Mariña Gueimunde explicou que a modificación responde á necesidade de axustarse á Lei de Coordinación da Policía Local de Galicia, que non contempla a figura de inspector xefe. No caso da praza de inspector, engadiu, a súa viabilidade depende da poboación do municipio. «Non podemos permitirnos o risco de perder a praza por un cambio no número de habitantes», asegurou Gueimunde, sinalando que a proposta aprobada segue o disposto no artigo 27 da normativa.

Segundo indicou a rexedora, a decisión tamén se viu reforzada polo contido do informe técnico correspondente, no que non se recomendaba a creación da categoría de inspector. «A única razón pola que modificamos a proposta do anterior Goberno da señora Loureiro foi pola inexistencia da categoría de inspector xefe na Lei e pola peculiaridade da praza de inspector, condicionada pola poboación», manifestou.

Ademais da reorganización da Policía Local, o pleno vivariense aprobou tamén, de forma unánime, a actualización das tarifas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A alcaldesa detallou que o prezo por hora deste servizo pasou de 16 a máis de 20 euros, o que obrigou a revisar as contribucións económicas que realizan tanto os usuarios como as súas familias. «Houbo que modificar as achegas de libre concorrencia que facían os fogares e os propios beneficiarios», explicou.

Outro dos puntos aprobados sen oposición foi a revisión das tarifas dos taxis, un axuste que non se realizaba desde o ano 2016. Esta medida busca adaptar os prezos ao contexto económico actual e garantir a viabilidade do servizo para os profesionais do sector.

⚙ Configurar cookies
0.17010402679443