Viveiro convocou para o 30 de outubro o I Foro Económico

AMariñaXa
Viveiro presentou unha nova iniciativa, neste caso o I Foro Económico de Viveiro, que se celebrará o próximo sábado 30 de outubro.
presentacion foro economico viveiro
12 sep 2021

O Concello de Viveiro presentou unha nova iniciativa, neste caso o I Foro Económico de Viveiro, que se celebrará o próximo sábado 30 de outubro en xornada de mañá.

O foro foi presentado esta mañá no concello nunha rolda de prensa pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o voceiro do grupo municipal Por Viveiro, Bernardo Fraga.

“Queremos que esta xornada de debate sexa un lugar de encontro e diálogo para o sector económico e empresarial de Viveiro, nun momento de grandes preocupacións e inquedanzas na sociedade”, anunciou Loureiro.

Esta nova iniciativa xurde do acordo do equipo de goberno con Por Viveiro para a aprobación dos orzamentos e dos plans de reactivación económica derivados da pandemia. O foro será no hotel Talaso Las Sirenas e o concello invitará aos empresarios e autónomos do municipio. Aqueles que non poidan asistir por cuestión de aforo, poderán seguilo por streaming e redes sociais.

Participarán no foro María Cadaval Sampedro, profesora de Economía Aplicada da USC, e Miguel Ángel Vázquez Taín, presidente do Consello Galego de Economistas e profesor de Economía Pública e Sistemas Fiscais da USC. Ambos falarán sobre as oportunidades de futuro a raíz da pandemia do coronavirus e sobre o futuro do comercio local nun mundo globalizado.

Entre os retos a curto prazo para a economía sobre os que sen dúbida falarán están os fondos europeos ‘Next Generation’, que a UE puxo a disposición do Estado para afrontar a crise xerada pola covid.

“Como alcaldesa de Viveiro, espero e desexo que sexan unha oportunidade de mellora e crecemento para os municipios, tanto dende o punto de vista de mellora das infraestruturas, coma de oportunidade para a xeración de emprego dende o sector privado”, apuntou Loureiro.

“Por suposto que as administracións locais, dentro das nosas competencias, estamos na obriga tamén de axudar ás familias, autónomos e empresas que pasan por dificultades; ningunha axuda é suficiente, somos moi conscientes delo, pero como ben sabedes desde o comezo da pandemia no Concello de Viveiro aprobamos xa dous plans de reactivación económica para paliar os efectos da covid-19”, engadiu.

“Ademais destas e outras medidas, agora presentamos este Foro Económico, que queremos que sirva para reflexionar sobre o actual contexto económico e atopar novas solucións”, manifestou a alcaldesa.

Participará tamén na xornada Antonio Abril Abadín, presidente da Confederación de Consellos Sociais das Universidades Españolas e do Consello social da Universidade da Coruña, que falará sobre a nova Lei de Universidades, sendo ademais o moderador da mesa redonda.

Por último, o Concello pretende que o foro sirva para facer un recoñecemento ao esforzo do empresariado local. De feito, entregarase o recoñecemento empresarial do ano a unha empresa de Viveiro.

0.17822098731995