Viveiro continúa co plan de reposición de árbores en espazos urbanos

A área de Parques e Xardíns, dependente da Tenencia de Alcaldía, segue traballando na reposición de árbores en diferentes espazos urbanos da cidade, co obxectivo de mellorar a contorna e recuperar os exemplares que se perderon por diversas causas, como as enfermidades. A tenente da alcaldesa, Miriam Bermúdez, explicou que se plantaron catro novas árbores nos Xardíns Noriega Varela, mentres que na rúa Urban engadíronse tres exemplares máis. Tamén se colocaron dúas árbores en Travesía, unha na contorna da estación de autobuses e dúas máis no Centro Comarcal. Ademais, no Centro de Saúde está prevista a plantación de entre catro e cinco exemplares adicionais.
Outras zonas da cidade tamén se beneficiaron destas melloras, como a área da piscina municipal e a estrada de Celeiro, onde se instalaron un total de nove novas árbores. Aínda que, segundo Bermúdez, a instalación destas plantas encontrou dificultades en algúns casos debido á presenza de tocos verdes que non se puideron retirar por completo.
Esta actuación forma parte da estratexia da Tenencia de Alcaldía para mellorar os espazos verdes da cidade, apostando pola sustentabilidade e a recuperación da masa arbórea urbana.