Viveiro contará cun novo aparcadoiro e paseo marítimo grazas á colaboración de Portos de Galicia

O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, visitou esta mañá o porto de Viveiro xunto coa súa alcaldesa, Mariña Gueimunde, para coñecer de primeira man o estado do entorno do peirao vello, unha área que a nova rexedora solicitara que se actuase de xeito prioritario. Esta visita foi a continuación do encontro mantido a semana pasada entre Gueimunde e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, na que se trataron as actuacións previstas polo departamento autonómico para o municipio lucense.
Álvarez, acompañado de persoal técnico do ente público, supervisou o estado actual do espazo e acordou varias actuacións co equipo municipal. Entre as medidas acordadas, destaca a creación dun paseo marítimo que conectará a ‘Casa do Guardamuelles’ co Náutico de Viveiro, así como a reurbanización do aparcadoiro do peirao vello. Ademais, o presidente comprometeuse a rehabilitar a Casa do Guardamuelles, un edificio catalogado pola súa importancia patrimonial.
Aproveitando a pavimentación da explanada do porto deportivo de Viveiro, que está prevista para esta primavera, tamén se levará a cabo a reorganización do aparcadoiro no arredor do peirao do Náutico. Durante a súa visita, Álvarez recordou que este ano se realizará a sustitución das luminarias do recinto portuario por tecnoloxía LED, cun investimento de 93.000 euros, ademais da pavimentación da explanada, cun desembolso de 91.000 euros.