Viveiro conta cunha nova asociación, Colonias Rueiras
Viveiro conta cunha nova asociación, Colonias Rueiras, que se adicará á xestión das colonias felinas da vila coa colaboración e coordinación da Concellería de Medio Ambiente e de Protección Civil.
En base á nova Lei estatal de Benestar Animal, o Concello ten a obriga de xestionar a situación dos gatos que viven na rúa. Dita xestión será, así mesmo, desenvolvida a través da ordenanza municipal de Protección e tenza de animais.
Con esa finalidade, e coa colaboración da cidadanía mediante a asociación, a Tenencia de Alcaldía, a través da Concellería de Medio Ambiente, comeza cos traballos correspondentes, identificando tanto ás colonias como ás persoas alimentadoras autorizadas.
A primeira actividade da asociación foi o programa educativo 'Coñece ó gato comunitario', no colexio de Celeiro. O programa vén acompañado dunha campaña de concienciación para darse a coñecer, na que se prevé que colaboren todos os centros educativos do municipio.
A tenenta de alcaldesa Míriam Bermúdez sinala que "é importante ter en conta que, unha vez aprobada a nova ordenanza, non se poderá alimentar aos gatos sen ter o carné que autoriza a facelo".
"Esta xestión vai contribuír non só a un maior benestar dos animais, senón tamén a unha maior hixiene e a unha mellor apariencia da vila, a través do método CER de Captura, Esterilización e Retorno á colonia", explica Bermúdez.
A tenenta de alcaldesa lembra así mesmo que "sempre houbo gatos en Viveiro, xa que son necesarios para a vila, pois axudan a controlar por exemplo a presencia de ratas".
Está previsto que se lles aplique este método a uns 65 gatos dos pouco máis de 300 que hai identificados, para reducir a súa superpoboación dun xeito controlado.
A veciñanza que desexe colaborar ou seguir a actividade de Colonias Rueiras pode facelo a través das súas redes sociais, estando presentes en Instagram e en TikTok como @coloniasrueiras e en Facebook como Colonias Callejeras.