Viveiro conmemora o Día do Libro cun concurso de fotografía
O Concello de Viveiro quere conmemorar o Día do Libro, que se celebra cada ano o día 23 de abril, convidando de novo á veciñanza a participar no Concurso de Fotografía Onde les ti?. A iniciativa, impulsada pola concellería de Cultura e a Biblioteca Municipal de Viveiro, conta un ano máis coa colaboración do Centro comercial Casco Histórico de Viveiro.
A proposta “serve para visibilizar os diferentes hábitos para ler que temos as persoas lectoras, e, polo tanto, serve para promover a lectura entre a xente de todas as idades”, sinala a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández- Noriega. O concurso ten por obxecto imaxes nas que apareza o recuncho preferido de cada participante para ler e nas que o libro ou o acto de ler sexan os protagonista. Poderán ir acompañadas dunha breve descrición se a persoa participante o considera preciso.
O prazo para o envío das fotografías comeza o propio día 23 de abril, e finaliza o día 30. Establécense tres categorías de participación: infantil, ata 12 anos; xuvenil, entre 13 e 17 anos; e adulto, a partir de 18 anos. Os premios serán un lote de libros cun valor de 60 euros e un lote de entradas para os Cines Viveiro cun valor estimado de 100 euros para cada categoría. Só se poderá presentar unha imaxe por persoa.
Unha vez recibidas as fotografías, o 2 de maio serán publicadas por categorías na páxina de programación cultural do Concello de Viveiro, onde a cidadanía poderá votar pola súa favorita ata o 6 de maio. A imaxe que máis votos reciba en cada categoría será a gañadora. O 8 de maio darase a coñecer que instantáneas resultaron premiadas, e se anunciará a data e o lugar do acto de entrega de premios. Para participar, as fotografías deberán ser enviadas por correo electrónico ao enderezo da Biblioteca Municipal de Viveiro: biblioteca.viveiro@viveiro.es