Viveiro comeza a prepararse para a Semana Santa
O Concello de Viveiro informa da instalación ao longo desta semana da carpa Antesala dun Museo, que dende hai varios anos se ubica na Praza de Jacinto Calvo, nas inmediacións da Igrexa de San Francisco, para albergar varios dos pasos e enseres relacionados coas procesións da Semana Santa de Viveiro, festa declarada de Interese Turístico Internacional.
A instalación de dita carpa é posible grazas á firma dun convenio nominativo, a través dunha subvención, entre o Concello de Viveiro e a Deputación Provincial de Lugo, sendo a Xunta de Cofradías a encargada de organizar as actividades a realizar dentro desta carpa, que un ano máis servirá como “antesala dun museo” para disfrute de veciños e visitantes.
“Xa estamos a poucas datas dunhas das edicións máis emotivas da nosa Semana Santa despois de dous anos de dura pandemia, polo que temos a seguridade de que será un éxito”, afirma a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, que quere agradecer “o traballo da xunta de cofradías”.
Este ano, a carpa instalouse con anterioridade ás datas habituais debido á que a Xunta de Cofradías decidiu cambiar a ubicación da celebración do Certame de Bandas Cidade de Viveiro, que esta tarde alcanza a súa décima edición e que se viña celebrando nas instalacións do Teatro Pastor Díaz de Viveiro.
O motivo deste cambio de ubicación do Certame de Bandas é a situación derivada da pandemia, co obxectivo de facilitar maior espazo tanto aos compoñentes das catro bandas participantes nesta edición (Banda TAU, Banda Naval de Viveiro, Banda da Misericordia e Agrupación Musical Nuestra Señora del Carmen de Ferrol) así como ao público asistente a dito acto.
Dende o goberno municipal quérese agradecer publicamente á Deputación de Lugo pola súa boa disposición asinando este convenio que permite ao Concello de Viveiro seguir colaborando coa Semana Santa, como unha das celebracións máis representativas do municipio, e contribuír ao seu engrandecemento e proxección.