Viveiro celebrará os Días da rede europea de celebracións de Semana Santa e Pascua, do 1 ao 15 de outubro
O Concello de Viveiro participa na celebración da segunda edición dos ‘Días da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua’ do 1 ao 15 de outubro. Nesta ocasión, e dada a acollida da iniciativa o pasado ano, celebrarase durante quince días en lugar de dous.
Trátase dunha iniciativa organizada pola propia Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua, da que fai parte o Concello de Viveiro. Nace con carácter anual, e permite dar a coñecer os valores culturais tanxibles e intanxibles da Semana Santa fóra da súa época de celebración, ademais de ofrecer unha oferta turística e cultural para a poboación local e visitante.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destaca que esta “é unha oportunidade perfecta para seguir poñendo en valor a proxección internacional da nosa Semana Santa”. “Dende o Goberno local apostamos por manter e aumentar a cooperación con organismos como esta Rede Europea para seguir dando a coñecer Viveiro ao mundo”, engadiu.
Durante os días en que terá lugar, o Concello de Viveiro organiza actividades que se desenvolverán de forma simultánea no resto de localidades adheridas. Entre a programación, inclúense portas abertas a museos de Semana Santa e casas irmandade, visitas a talleres de arte sacra e talleres de creación artística contemporánea con demostracións, visitas guiadas temáticas sobre a Semana Santa, concertos de música confrade ou degustacións gastronómicas.
O obxectivo da Rede Europea é promocionar e difundir o patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, relacionado coas celebracións da Semana Santa e Pascua. Faino a través de accións que poñan en valor este patrimonio, impulsen a súa contorna cun desenvolvemento turístico sostible e contribúan a salvagardarlo a través do traballo científico e de investigación.
Do mesmo xeito, o seu fin é sumar esforzos para consolidar un modelo de estudo, salvagarda e difusión do patrimonio das tradicións da Semana Santa e Pascua en Europa. En total celebraranse ao longo da primeira quincena de outubro máis dunha trintena de actividades, que se poden consultar na web.