Viveiro celebrará o Día de Rosalía co obradoiro As mulleres que nos constrúen

AMariñaXa
O Concello de Viveiro impulsa o obradoiro As mulleres que nos constrúen, co obxectivo de unir a figura de Rosalía de Castro
as mulleres que nos construen viveiro 1200
7 Feb 2022

O Concello de Viveiro impulsa o obradoiro As mulleres que nos constrúen, co obxectivo de unir a figura de Rosalía de Castro, cuxo día se celebra o vindeiro 23 de febreiro, coa historia das orixes de cada persoa.

A actividade celebrarase os días 19 e 20 de febreiro na Sala Multiusos do Concello de Viveiro. O obradoiro diríxese a nenos e nenas a partir de 6 anos, para que indaguen na historia das mulleres que forman parte da súa familia. Os participantes afondarán en como as decisións e acontecementos na vida destas mulleres atravesaron o tempo ata chegar ás seguintes xeracións.

As persoas interesadas en participar nesta actividade gratuíta deben inscribirse por teléfono na Biblioteca Municipal de Viveiro: 982570606. A continuación, facilitarase vía e-mail a información necesaria.

Os nenos e nenas comezarán unha labor de investigación a partir dunha fotografía que sexa importante para a familia na que a muller que eles e elas escollan sexa protagonista (a súa avoa, a súa bisavoa, a súa tía, a súa nai...)

Establécense dúas quendas para participar neste obradoiro, divididas á vez en dúas sesión para cada grupo. Deste modo, o obradoiro desenvolverase do seguinte xeito:

Dunha banda, o sábado 19 de febreiro de 10:30 a 12:30 a rapazada a partir de 6 anos realizará a primeira parte do obradoiro empregando a técnica do collage e da narración oral.

Os participantes deberán levar a fotocopia da súa foto escollida, que será a base do traballo. Con outros materiais, crearanse collages nunha xornada de cor, creatividade e cartulina en torno a esa protagonista. Búscase que cada neno saiba dicir quen sae na foto e que pregunte na contorna familiar por que é importante para a memoria da súa familia. É fundamental que se traballen con fotocopias e non con orixinais para que en ningún caso se estropeen. Na sala multiusos os nenos e nenas atoparán todo tipo de materiais cos que crear o seu collage e botar a súa imaxinación a voar.

No correo de inscrición irá tamén un cuestionario para que o/a neno/a manteña unha conversa coa muller da súa familia e descubra nova información. O cuestionario é unha guía para que despois poda compartir a historia dela cos seus compañeiros de obradoiro.

Tamén o sábado 19 de febreiro, de 13:00 a 14:00, realizarase a segunda parte do obradoiro implicando esta vez á rapazada a partir de 9 anos, baixo o título “Como se escribe unha historia?”

Na actividade, amosaranse algúns exemplos de recollidas, falarase do que son e a que nos poden axudar. Tamén se compartirán nocións moi básicas sobre un relato breve. Con toda esta información, os cativos volverán á casa cunha misión moi importante: cada cativo/a fará unha recollida á muller que lle sexa referencia, ou fará quizáis unha recollida á de máis idade. Ao día seguinte, os participantes levarán a cabo o resultado escrito en forma de conto para compartir cos compañeiros.

Na segunda xornada deste obradoiro, o domingo 20 de febreiro, celebrarase a primeira parte de 16:00 a 18:00 coa rapazada a partir de 9 anos para comentar os resultados.

Compartirán cos compañeiros a historia que escribiron a partir da recollida que o día anterior pola tarde lle fixeron á muller da súa familia. Servirá de “ensaio xeral” para a gala de peche á que estarán convidadas as familias. Tamén farán o mural conxunto no que figure o traballo feito pola rapazada de 6 a 8 anos cabo dos seus relatos.

A continuación, tamén na xornada do domingo, levarase a cabo a segunda parte do día, invitando á toda a rapazada participantes, ás súas familias e tamén ás mulleres escollidas a unha gala de peche. A actividade realizarase ás 18:00.

Celebrarase unha gala que homenaxee e poña en valor ás mulleres sobre as que estiveron traballando, con elas como convidadas e coas familias presentes. Aproveitando a celebración do día dunha muller tan importante na historia como foi Rosalía, homenaxearase tamén a todas aquelas mulleres que son importantes na vida de cada persoa. Engadirase a emoción de que algunhas delas poderán estar presentes.

0.25514316558838