Viveiro celebra o Día da Muller cunha cea-baile interxeracional

O Concello de Viveiro conmemora o Día Internacional da Muller cunha cea-baile que terá lugar o sábado 15 de marzo, ás 22:00 horas, no restaurante Louzao-Area. A iniciativa, promovida pola Concellería de Muller e o Centro de Información ás Mulleres, busca ofrecer un espazo de encontro e convivencia para as mulleres da localidade.
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, destacou a importancia desta cita como “unha noite de convivencia na que queremos recoñecer o traballo e o labor das mulleres do noso municipio, e poñer en valor o papel que teñen no desenvolvemento da nosa localidade”. O evento reunirá distintas xeracións nun ambiente distendido, fomentando o intercambio de experiencias e a celebración colectiva.
As entradas teñen un prezo de 50 euros e poderán adquirirse no propio restaurante a partir do mércores 12 de marzo.