Viveiro celebra esta semana o Día Mundial da Infancia

AMariñaXa
O Concello de Viveiro programa varias actividades esta semana por mor da celebración, o próximo domingo día 20, do Día Mundial da Infancia
viveiro semana infancia 2022 1
15 Nov 2022

O Concello de Viveiro programa varias actividades esta semana por mor da celebración, o próximo domingo día 20, do Día Mundial da Infancia.

A primeira delas terá lugar mañá, cando o grupo de Participación Xuvenil de Viveiro acuda ao X Foro de Participación Infantil que se celebra no Parlamento de Galicia. Ata Santiago de Compostela viaxarán sete rapazas e rapaces do grupo acompañados por Victoria Baamonde, concelleira de Benestar Social, e por Lorena Mera, técnica de Xuventude do Concello de Viveiro.

Eva Fernández Vigo será a portavoz do grupo de Participación Xuvenil de Viveiro e fará lectura dun discurso sobre a importancia de visibilizar e prestar atención á Saúde Mental Infanto-Xuvenil.

A cita, organizada polo Comité de Galicia de UNICEF, englóbase dentro dos actos do Día Mundial da Infancia que cada 20 de novembro conmemora a aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno pola Asamblea Xeral da ONU en 1989. 

Os actos previstos no Concello de Viveiro para esta data continuarán o propio domingo 20 ás 17h, cun obradoiro de chapas e a realización dun mural creativo para visibilizar a transcendencia da Saúde Mental Infanto-Xuvenil. Poderán participar de balde persoas de tódalas idades.

A actividade celebrarase no Salón de Multiusos do Concello e está organizada polo Grupo de Participación Xuvenil de Viveiro, coa colaboración da Concellería de Benestar Social e Eureka. 

viveiro semana infancia 2022
0.19921588897705