Viveiro celebra as Letras Galegas con teatro, concertos e unha mostra do traxe tradicional
O Concello de Viveiro presenta a programación para conmemorar a celebración do Día das Letras Galegas 2024, adicado a Luísa Villalta, que se estenderá ao longo de todo o mes de maio. A alcaldesa María Loureiro destacou “a importancia de reivindicar a figura de Luisa Villalta, unha muller que foi poeta, novelista, dramaturga, ensaísta, tradutora, filóloga, violinista e moito máis”.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, quixo poñer en valor “a ampla programación en torno a esta data tan sinalada que temos este ano en Viveiro, con actividades de todo tipo”. As propostas comezarán día 4 de maio, coa representación da obra teatral O lapis do Martín de Sarabela Teatro, ás 12.00 na Biblioteca Municipal.
Seguirá o día 14 coa inauguración da exposición Exaltación do traxe galego-indumentaria tradicional, na sala multiusos do Concello. O día central da programación, o 17 de maio, comezará coa interpretación do Himno de Galicia ás 12.00 no balcón da Biblioteca Municipal a cargo de David Bellas, seguida do baile tradicional da asociación Bágoas da Terra na praza maior. Convídase á veciñanza a vestir roupa tradicional ao longo da xornada como parte da acción colectiva.
Tamén haberá, o mesmo día ás 13.00 na praza da Fontenova, actuacións do Coro Infantil do Colexio Loís Tobío e da Coral Polifónica Alborada. A programación completarase os vindeiros días con diferentes pasarrúas, representacións, e obradoiros.