Viveiro celebra as Festas Patronais con actividades para todas as idades
Viveiro celebra as Festas Patronais entre o día 1 e o 18 de agosto, con numerosas actividades para todas as idades. As celebracións comezarán este xoves 1 de agosto coa inauguración da Feira da Cervexa Artesanal de Viveiro nos xardíns Noriega Varela, a colecta da AECC en diferentes puntos da vila, a exposición de indumentarias do Camiño de Santiago na Biblioteca Municipal, e o comezo da XLIV Mostra Folclórica Internacional na praza maior.
A alcaldesa María Loureiro destaca "a aposta polos grupos locais e do Conservatorio de Viveiro nas festas”. O 9 de agosto celebrarase unha emotiva homenaxe a Óscar Fernández, músico e profesor do Conservatorio falecido o pasado mes de outubro e moi querido en Viveiro. Nos días seguintes haberá tamén diversos concertos, exposicións, eventos deportivos e outras actividades.
O 14 de agosto terá lugar a lectura do pregón no balcón da Biblioteca Municipal, dando paso aos días grandes das festas, que se manteñen nas súas datas habituais do 14 ao 16 de agosto. De novo haberá diversos concertos, pasarrúas, actos litúrgicos e eventos deportivos. Destaca ao longo das festas a celebración da XL Feira de Artesanía, da Feira do Libro ou da Feira de Stocks do Centro Comercial Histórico de Viveiro.
O Teatro Pastor Díaz tamén acollerá actividades como a proxección da asociación fotográfica Os Negativos ou a representación da obra ‘Sempre en Otoño’ de Santiago Moncada. María Loureiro sinala que “o Concello de Viveiro é un dos únicos concellos que organiza directamente as festas, polo que solicitamos que a partir do ano que vén haxa unha comisión de festas coa que poidamos colaborar para seguir tendo ano tras ano unhas celebracións do primeiro nivel para toda a veciñanza”. O concello dará máis información sobre a programación nos próximos días.