Viveiro busca novo solo empresarial para atraer proxectos e fixar poboación

AMariñaXa
A alcaldesa Mariña Gueimunde reuniuse coa directora xeral de Estratexia Industrial para analizar posibles solucións
Reunion-solo-empresarial-Viveiro
27 Aug 2025

O Concello de Viveiro deu un paso máis na procura de alternativas que permitan dispoñer de solo empresarial no municipio. A alcaldesa, Mariña Gueimunde, mantivo esta mañá un encontro coa directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia, Margarita Ardao, no que tamén participou o concelleiro de Economía e Facenda, Obras, Industria, Mercados e Medio Ambiente, Martín Vale.

Segundo explicou Gueimunde, “é fundamental que Viveiro poida ofrecer alternativas de solo industrial que permitan xerar novas oportunidades de emprego e fixar poboación no noso concello”. A rexedora trasladou á representante autonómica a importancia de contar con espazos axeitados tanto para favorecer o asentamento de novas empresas como para apoiar a ampliación das que xa están en funcionamento.

Pola súa banda, Ardao presentou os instrumentos que a Xunta está a desenvolver, como as Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (ZAPES), pensadas para dar resposta inmediata a proxectos que precisan dispoñibilidade de solo, e as Zonas Industriais Rurais (ZIR), dirixidas a iniciativas máis pequenas en contornos rurais.

Desde o Concello subliñaron que seguirán traballando en coordinación coa administración autonómica para avanzar nas opcións máis adecuadas e adaptadas ás necesidades do tecido empresarial local.

“Queremos que Viveiro sexa un concello atractivo para investir, crear emprego e desenvolver proxectos de futuro. Para iso é imprescindible contar co apoio doutras administracións e con ferramentas eficaces para poñer solo empresarial a disposición das compañías”, concluíu Gueimunde.

⚙ Configurar cookies
0.16978907585144