Viveiro avanza no proxecto de Cidade Amiga da Infancia cos centros educativos
O Concello de Viveiro informa que a súa Concelleira de Benestar Social, Victoria Baamonde Gómez, reuniuse cos centros educativos do municipio para solicitar a súa colaboración no proxecto Cidade Amiga da Infancia.
“A mocidade é unha prioridade para nós como goberno local, por iso impulsamos iniciativas que fomenten a súa participación, xa que escoitar as súas opinións tamén nos enriquece aos adultos”, sinala a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
A xuntanza tivo lugar na casa do concello e a ela acudiron a Orientadora do IES Vilar Ponte, a Directora do IES María Sarmiento, a Orientadora do Ceip Plurilingüe de Covas, a Directora do CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo, a Orientadora do CEIP de Celeiro e do CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo, a Directora do CPR Lois Tobío, a Directora da EEI San Roque e a Profesora de Audición e Linguaxe do CPR Pluringüe Landro.
Na reunión explicouse en que consiste este proxecto e as iniciativas que o concello está levando a cabo para que Viveiro sexa declarado como unha Cidade Amiga da Infancia. Tamén se solicitou a súa colaboración e compromiso por consideralas fundamentais para conseguir esta declaración, para o que se propuxo establecer unha canle de comunicación e cooperación cos centros.
Neste senso, acordouse crear un grupo de traballo para transmitir ao concello toda aquela información que se considere relevante á hora de realizar un diagnóstico da realidade e necesidades dos nenos, nenas e adolescentes.
Tamén se informou aos centros da existencia do Grupo de Participación Xuvenil que se atopa actualmente en funcionamento, integrado por adolescentes de máis de 12 anos de idade, coa pretensión tras esta reunión de valorar a posibilidade de crear outro grupo para menores desa idade.
Asemade, instalaranse nos centros buzóns para que os nenos e nenas poidan deixar as súas suxerencias dirixidas ao concello, creando deste xeito unha canle de comunicación directa na que se pretende darlles voz a todos os menores.