Viveiro avanza no coidado das colonias felinas co programa CER

AMariñaXa
A entrega de carnés ás persoas colaboradoras e a esterilización de 63 animais reforzan o compromiso co benestar animal e a limpeza pública no municipio
VIVEIRO-5-FEB-Colonias-felinas
6 Feb 2025

A tenenta de alcaldesa de Viveiro, Míriam Bermúdez, fixo entrega dos carnés ás 28 persoas que colaboran de maneira autorizada no coidado e atención das colonias felinas do municipio. Esta iniciativa forma parte do programa municipal de control e benestar animal, que se desenvolve mediante o método CER (Captura, Esterilización e Retorno).

Durante o ano 2024, o programa logrou esterilizar un total de 63 animais, unha acción que, segundo Bermúdez, é "fundamental para garantir o coidado responsable destes animais e para controlar a súa poboación de maneira ética e respectuosa". A tenenta de alcaldesa subliñou que "a súa labor tamén contribúe á prevención de pragas, á mellora da limpeza e hixiene nos espazos públicos, beneficiando así á comunidade".

Míriam Bermúdez aproveitou a ocasión para agradecer o "compromiso e dedicación" das persoas colaboradoras, resaltando que a súa implicación é clave para o éxito do proxecto e para asegurar unhas condicións axeitadas tanto para as colonias felinas como para a veciñanza de Viveiro.

A Tenencia de Alcaldía tamén quixo recordar que, segundo a Lei de convivencia, limpeza e residuos, a alimentación de calquera animal na vía pública sen a correspondente autorización está prohibida, e pode conlevar sancións para aqueles que incumpran esta normativa.

Para todas as persoas interesadas en colaborar no coidado das colonias felinas, o Concello de Viveiro invita a poñerse en contacto coa administración municipal para recibir as instrucións pertinentes e obter a acreditación necesaria. O programa de control e benestar animal realízase en colaboración coa asociación Colonias Rueiras, que ten asinado un convenio co Concello para a xestión das colonias felinas.

"Animamos á veciñanza a colaborar coa asociación Colonias Rueiras, á que se pode contactar a través das súas redes sociais", afirmou Bermúdez, lembrando que desde a Tenencia de Alcaldía continúan a traballar para equilibrar o benestar animal co mantemento da limpeza e salubridade en Viveiro.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ás dependencias municipais ou contactar coa área de Medio Ambiente.

0.16474390029907