Viveiro avanza na aprobación do seu PXOM tras unha reunión clave coa Xunta

AMariñaXa
A alcaldesa Mariña Gueimunde destaca o bo clima de colaboración institucional e o traballo técnico para culminar a fase ambiental do plan
viveiro-letras-xardins-noriega-varela
15 Oct 2025

O Concello de Viveiro continúa a dar pasos firmes cara á aprobación do seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un documento esencial para o futuro urbanístico e económico da cidade. A alcaldesa, Mariña Gueimunde, mantivo unha reunión coa directora xeral de Calidade Ambiental, María José Echevarría, na que tamén participaron o arquitecto municipal, a xurídica de Urbanismo, a secretaria municipal e representantes do equipo redactor OTEA.

O encontro serviu para analizar o estado actual da tramitación ambiental do plan e revisar as correccións pendentes, co obxectivo de que o Concello poida obter canto antes a memoria ambiental e continuar así co proceso de aprobación do documento.

Mariña Gueimunde destacou que foi “unha reunión moi produtiva, na que repasamos as cuestións que quedaban por completar e constatamos o gran esforzo que están a facer todas as partes implicadas”. A rexedora lembrou que desde o inicio do mandato “o PXOM é unha prioridade estratéxica”, e asegurou que o goberno local está a traballar “con paso firme para lograr a súa aprobación provisional e, se os prazos o permiten, tamén a definitiva”.

A alcaldesa puxo en valor o bo clima de colaboración coa Xunta de Galicia e salientou o labor dos técnicos municipais e do equipo redactor, “que están a desenvolver un traballo intenso e rigoroso para que Viveiro dispoña dun instrumento urbanístico actualizado, seguro xuridicamente e adaptado ás necesidades reais do municipio”.

Segundo explicou Gueimunde, o Concello confía en poder pechar nas próximas semanas a fase ambiental, un trámite imprescindible para continuar coa tramitación urbanística e elevar o documento a pleno. “Estamos a poucos pasos de acadar un dos obxectivos máis importantes deste mandato, que marcará o futuro urbanístico, social e económico de Viveiro”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.07804012298584