Viveiro aproba uns orzamentos de 15,1 millóns de euros para 2026

O Concello de Viveiro aprobou o orzamento municipal para o exercicio 2026, que ascende a 15,1 millóns de euros, co apoio do grupo Por Viveiro. As contas reflicten unha estrutura de gasto centrada no funcionamento ordinario do Concello, o mantemento dos servizos públicos e a estabilidade financeira.
No capítulo de gastos, o maior peso recae no persoal municipal, cunha dotación de 7.105.085,60 euros. O gasto corrente sitúase en 6.517.250,33 euros, mentres que os gastos financeiros suman 60.280 euros. As transferencias correntes ascenden a 389.610,65 euros e o fondo de continxencia queda fixado en 254.344,33 euros, destinado principalmente a cubrir a actualización salarial do persoal funcionario.
O documento orzamentario contempla ademais 101.397,76 euros para investimentos, 97.283,04 euros en transferencias de capital procedentes doutras administracións —incluíndo unha parte vinculada ao convenio da obra da Xunqueira—, 35.000 euros para prestacións a favor de empregados públicos e unha amortización da débeda municipal que alcanzará os 557.495,75 euros.
En canto aos ingresos, o Concello prevé ingresar 4.893.585,94 euros a través de impostos directos e 167.042 euros por impostos indirectos. As taxas, prezos públicos e outros conceptos achegarán 2.614.946 euros, mentres que as transferencias correntes sumarán 7.361.198,50 euros, consolidándose como unha das principais fontes de financiamento das contas municipais.
Unha vez detallado o contido económico do orzamento, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Economía, Martín Vale, destacou que se trata dos segundos orzamentos aprobados nos nove meses que levan á fronte do Concello, subliñando que o goberno local cumpre así o compromiso adquirido tras a moción de censura de presentar as contas en tempo e forma.
Vale incidiu tamén na vontade do executivo de manter unha liña de diálogo cos distintos grupos municipais, lembrando que se mantiveron reunións previas con todas as formacións. Nese proceso, explicou, só Por Viveiro presentou achegas concretas, como a inclusión dunha partida de 20.000 euros para a reparación do paseo da fachada marítima, mentres que PSOE e BNG non trasladaron propostas para negociar.