Viveiro aproba un orzamento de case 15 millóns para 2025 co apoio de tres grupos e a abstención do BNG

AMariñaXa
O novo goberno local destaca que o documento garante os servizos básicos e salienta o convenio con Turismo por 145.000 euros
casa-do-concello-de-viveiro
24 Jul 2025

O Concello de Viveiro vén de aprobar en pleno o orzamento municipal para o ano 2025, que ascende a 14.998.922,46 euros. A proposta contou cos votos favorables do Partido Popular, Por Viveiro e PSOE, mentres que o BNG optou pola abstención. Trátase dun dos primeiros grandes acordos do novo executivo local tras a moción de censura celebrada en marzo, coa que asumiu o control da administración viveirense.

Desde o goberno local sinalan que a elaboración deste orzamento converteuse nunha prioridade desde o seu desembarco no Concello, e que foi obxecto de diálogo con distintos grupos para garantir a súa aprobación. O tenente de alcalde, Martín Vale Cobo, cualificou o documento como "realista e responsable" e indicou que responde a un contexto condicionado pola elevada débeda herdada e polos compromisos asumidos no plan de axuste, vixente ata o ano 2037.

O orzamento dedica o groso dos recursos, un 91,45 %, a gastos de funcionamento: en concreto, 6.932.140,78 euros destinaranse a gasto corrente e 6.785.576,47 euros a persoal. Ademais, recóllese unha partida de 557.495,75 euros para amortización da débeda, o que supón un 3,71 % do total.

Como novidade, o executivo local incorporou un convenio coa Axencia Galega de Turismo para accións de promoción por valor de 145.000 euros. Tamén se inclúen subvencións nominativas destinadas a entidades e colectivos pendentes dos exercicios 2023 e 2024.

Vale Cobo insistiu en que "os recursos propios son limitados" e que será "imprescindible contar co apoio doutras administracións" para poder afrontar investimentos e proxectos a medio prazo. Tamén anunciou que o goberno municipal xa traballa no deseño dos orzamentos para 2026, que agardan presentar e aprobar en tempo e forma para garantir unha maior estabilidade e previsión nas contas municipais.

 

PSOE. O PSdeG-PSOE de  Viveiro votou a favor dos orzamentos municipais  presentados polo novo goberno local no pleno celebrado este mércores, a pesar de considerar que ”están marcados pola improvisación, e son continuístas dos anteriores orzamentos dos gobernos socialistas, a pesar das súas críticas cando estaban na oposición”.

0s socialista insistiron en que o seu voto responde a ”un exercicio de responsabilidade” conscientes de que ”sen orzamentos paralízanse os proxectos, frean as axudas e resíntese a calidade dos servizos públicos”.”Sabemos ben o que implica gobernar cun orzamento prorrogado, e non queremos poñer paos nas rodas, como o fixo o PP durante anos nos nosos mandatos”, sinalaron.

Jesús Fernández exconcelleiro de Facenda advertiu que esta primeira proposta económica do novo executivo ”xa demostra o que temíamos: que o seu único obxectivo coa moción de censura era desaloxarnos do goberno, sen ofrecer unha alternativa sólida”. Subliñou que estes orzamentos ”son continuístas co modelo que deixamos. Non supoñen ningún avance, e con iso queda claro que os orzamentos dos gobernos socialistas anteriores non eran tan malos, dado que se seguen mantendo os mesmos criterios”.

Pola súa banda, a voceira socialista, María Loureiro, destacou que todos os proxectos incluídos nos orzamentos ”foron deixados canalizados e con financiamento previsto polo goberno socialista anterior: a humanización da Rúa do Porto de Celeiro, as beirarrúas de Magazos, as carpas de Semana Santa e da Festa da Merluza, a deshumefectadora da Piscina, para poder arranxar o vaso pequeno, tamén na piscina a remodelación de todos as máquinas do ximnasio„ os 20.000 eu para a festa de Naseiro do 2024, as obra no Pombal de Vieiro, ou o Barrio do Conexo en Covas, ou a obra no colector en Rio de Loiba.

En canto a partida de orzamentos Loureiro cualificou de ”irrisoria” que cae só a 42.293 fronte aos 773.000 recollidos nos últimos orzamentos do anterior goberno..”Onde están os investimentos prometidos en equipamentos culturais, deportivos ou urbanísticos?,anunciados por Por viveiro e o Partido Popular na Moción de censura, onde están os 300.000 eu prometidos para o Conservatorio”, lembrando que a competencia exclusiva do conservatorio é da Xunta de Galicia. E xa non imos preguntar polos 6 millóns comprometidos para obras.

Dende o PSOE de Viveiro reiteraron que exercerán ”unha oposición firme, con sentido de responsabilidade, por convicción e compromiso coa veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.19052195549011