Viveiro aposta polo turismo gastronómico a través do proxecto Spain Culinary Villages

O segundo tenente de alcalde de Viveiro, Jesús Fernández Fernández, e a técnica da Oficina de Turismo municipal, María San Isidro, asistiron a unha reunión en Ezcaray (La Rioja) no marco do proxecto Spain Culinary Villages, unha iniciativa que busca impulsar o turismo gastronómico en varias localidades de España.
O encontro contou coa presenza de representantes doutros municipios participantes no proxecto, como Alcalá del Valle (Andalucía), Moratalla (Murcia) e Parrés (Asturias). Todos eles reciben unha axuda de 63.500 euros, ademais dunha subvención conxunta de máis de 200.000 euros para desenvolver accións conxuntas de promoción e mellora.
A xuntanza serviu para afondar nos detalles sobre como os concellos poden empregar estes fondos para mellorar as súas infraestruturas e ofrecer experiencias gastronómicas atractivas aos visitantes. Desde o Concello de Viveiro, Jesús Fernández destacou a relevancia desta iniciativa para fortalecer o sector turístico e poñer en valor a riqueza culinaria e as tradicións locais.
“A participación neste proxecto permitirá a Viveiro afianzar o noso posicionamento como destino turístico de referencia, promovendo a gastronomía e o patrimonio cultural da vila”, sinalou Fernández, quen acudiu en representación da alcaldesa María Loureiro.