Viveiro aposta pola creatividade das persoas maiores cun obradoiro para aprender a facer cine

O Concello de Viveiro continúa avanzando no seu proxecto formativo “Como se fai unha película?”, unha iniciativa pensada para achegar o mundo do cinema ás persoas maiores de 55 anos, ofrecéndolles unha oportunidade única para explorar a súa creatividade, desenvolver novas habilidades dixitais e participar nun proxecto colectivo de ficción audiovisual.
Tras a primeira charla celebrada o pasado luns na Sala Multiúsos da Casa Consistorial, na que se explicou como iniciarse na creación cinematográfica empregando teléfonos móbiles e se presentaron propostas para futuras curtametraxes, o Concello anima agora á veciñanza a inscribirse no Obradoiro de Ficción Audiovisual, que dará continuidade a esta experiencia inicial.
O obradoiro —cun calendario que se definirá en función da dispoñibilidade das persoas inscritas— ofrecerá un espazo de aprendizaxe práctico e colaborativo no que os participantes poderán asumir distintos roles dentro dun equipo de rodaxe: guionistas, intérpretes, realizadoras ou técnicas, traballando sempre con recursos accesibles e próximos.
A actividade está concibida como unha experiencia participativa e transformadora, na que o proceso de creación será tan importante como o resultado final. O proxecto culminará cunha gala de estrea pública, onde se exhibirán as curtametraxes realizadas durante o curso e se celebrará o traballo conxunto das persoas participantes.
As inscricións están abertas e poden realizarse chamando ao teléfono 982 560 162 ou escribindo ao correo electrónico cultura@viveiro.gal
. As sesións desenvolveranse previsiblemente os martes, xoves ou venres pola tarde, en horario adaptable ao grupo.
Desde o Concello de Viveiro destacan que esta proposta busca romper prexuízos sobre a idade e a tecnoloxía, demostrando que nunca é tarde para aprender, crear e expresarse a través da arte audiovisual. “O noso obxectivo é ofrecer unha experiencia formativa que non só transmita coñecementos técnicos, senón que tamén fomente a participación, o traballo en equipo e o descubrimento persoal”, sinalan desde o departamento de Cultura.
A iniciativa conta coa colaboración da Xunta de Galicia e enmárcase dentro do compromiso municipal por promover a aprendizaxe ao longo da vida e o acceso á cultura dixital para todas as xeracións.
“O cine é unha ferramenta marabillosa para contar historias, compartir emocións e manterse activo intelectualmente”, subliñan desde o Concello. “Queremos que as persoas maiores de Viveiro poidan descubrir ese potencial e gozar da satisfacción de ver o seu propio traballo proxectado na pantalla”.