Viveiro apoia a manifestación dos veciños de Xunqueira para esixir a reparación e limpeza do río Fontecova

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Viveiro apoia a manifestación convocada pola Asociación de Veciños Valdeflores de Xunqueira para este sábado, 7 de decembro, estando ao lado dos veciños para reclamar as obras necesarias de acondicionamento, reparación e limpeza do Río Fontecova e Barrio de Xunqueira, que precisan da implicación e colaboración de todas as administracións.
6 Dec 2019

O Concello de Viveiro apoia a manifestación convocada pola Asociación de Veciños Valdeflores de Xunqueira para este sábado, 7 de decembro, estando ao lado dos veciños para reclamar as obras necesarias de acondicionamento, reparación e limpeza do Río Fontecova e Barrio de Xunqueira, que precisan da implicación e colaboración de todas as administracións.

As inundacións acontecidas o 18 de novembro de 2018 causaron o triste falecemento dunha veciña e graves destrozos materiais en diferentes lugares do concello, moi especialmente no barrio de Xunqueira, pero tamén en moitos outros puntos do municipio. Tras aquel suceso, o concello realizou labores de limpeza en diferentes puntos e, dentro das súas posibilidades, traballou para restablecer a normalidade, pero é certo que aínda queda moito por facer.

En marzo de 2019, Augas de Galicia remitiu a este concello a Memoria do Plan Específico de Xestión do Risco de Inundación da ARPSI Fluvial ESO14-LU-170101 Río Fontecova, na que se establecían tres propostas diferentes -cuns importe aproximado de 500.000 euros- e se instaba ao concello a adoptar unha destas alternativas.

“Dende aquel momento, leváronse a cabo as xestións necesarias manifestando que a escolla da mellor opción para paliar os efectos ante posibles crecidas do río non pode depender unicamente do concello, pois corresponde a criterios técnicos; facendo constar, así mesmo, que esta administración non ten capacidade para asumir o custe íntegro das actuacións propostas, polo que se fai preciso a colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo”, explica a alcaldesa, María Loureiro.

Ata o de agora, ademais, estívose á espera de coñecer a proposta alternativa que Augas de Galicia se comprometeu a elaborar despois da xuntanza na que, os propios veciños do barrio, explicaron os inconvenientes que eles vían ás tres opcións remitidas inicialmente.

Esta nova proposta será presentada na reunión que a Xunta de Galicia organizou para hoxe pola tarde, á que está convocada a propia asociación de veciños, a Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro.

O Concello de Viveiro está convencido de que a manifestación do sábado servirá para mostrar o sentir veciñal para a reparación e limpeza do Río Fontecova e do Barrio de Xunqueira e anima a todos os veciños e veciñas de Viveiro a que se sumen á mobilización.

0.15811800956726