Viveiro anunciou a programación con motivo do 25-N
O Concello de Viveiro, a través da súa concellería de Muller dirixida por Lara Fernández Fernández-Noriega, anuncia a programación con motivo do 25-N, Día Internacional contra a violencia de xénero. O programa propón actividades que coinciden cos días próximos á efeméride, pero tamén iniciativas que se desenvolverán ao longo do ano, cun carácter transversal.
“Dende o Concello de Viveiro temos un firme compromiso coa loita contra a violencia de xénero. O programa deste ano buscar chegar a todas as idades, con especial atención aos centros educativos e á xuventude”, sinala María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
As actividades comezarán o luns 21 de novembro, co obradoiro “Violencia de xénero e novo contexto dixital” ao alumnado de 3º da E.S.O. do I.E.S. Vilar Ponte. O xoves 24 de novembro ás 17:30 na Praza da Habana Vieja será a inauguración do “Banco violeta para a reflexión contra a violencia de xénero”. Durante o acto darase lectura o manifesto elaborado polo grupo de participación xuvenil do Concello de Viveiro e organizarase unha intervención artística.
O propio 25 de novembro, día contra a violencia de xénero, organizarase a marcha “En negro contra as violencias”. A marcha sairá de Castelos (Covas) e rematará na Praza Maior de Viveiro, onde se lerá o manifesto institucional. Ademais entregaranse paraugas conmemorativos e chocolate para as persoas asistentes.
Tamén haberá citas teatrais, coa obra “Continente María” de Ainé Producciones o martes 29 de novembro e a obra “Fillas Bravas” de Chévere, o sábado 3 de decembro. Ambas representacións serán no Teatro Pastor Díaz ás 20:30.
Eventos ao longo de todo o ano
“As institucións temos a obriga de realizar un traballo de fondo en prol da igualdade, por iso promovemos outras actividades ao longo de todo o ano. Seguiremos esforzándonos en sensibilizar e educar en igualdade”, indica Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Muller.
Ademais, co ánimo de facer unha programación transversal e durante todo o ano, o Concello de Viveiro programa unha serie de obradoiros de xaneiro a maio. Deste modo, impartiranse formacións sobre sexualidade nos I.E.S. María Sarmiento e Vilar Ponte, a cargo da sexóloga Raquel Graña.
“Agradecemos aos centros educativos a súa participación, cremos que é esencial levar á aula o debate da non violencia e a educación sexual”, recorda a responsable de Muller.
Tamén se ofrecerá un obradoiro de creación audiovisual contra a violencia de xénero, no que participará o Grupo de Participación Xuvenil. A participación na iniciativa está aberta a todos os adolescentes, con inscrición no 982550421. Neste caso, os participantes poderán realizar curtas cos móbiles dende a perspectiva de xénero.
Por último, no relativo á lectura, ofrécese de novembro de 2022 a xuño de 2023 o club de lectura en feminino, dinamizado por Estíbalez Veiga. Ademais, na Biblioteca Municipal de Viveiro, crearase o “Recanto Violeta”.