Viveiro anima á cidadanía a intercambiar as súas lecturas cunha nova iniciativa

AMariñaXa
O Concello de Viveiro anima á cidadanía a intercambiar as súas lecturas na iniciativa “colle unha historia e deixa outra”
dia do libro caixa viveiro
22 Abr 2022

O Concello de Viveiro comparte a iniciativa do seu grupo de Participación Xuvenil con motivo do Día do Libro que se celebra mañá, 23 de abril. O grupo propón un intercambio de libros, “Colle unha historia e deixa outra”, co apoio das concellerías de Benestar Social e de Cultura. 

As caixas están feitas de madeira e decoradas polos propios mozos e mozas. A cidadanía pode levar un libro das caixas e deixar outro nelas, procedendo ao intercambio e desfrutando das lecturas. Actualmente xa se poden localizar as caixas nos seguintes locais: Carlín, Santiaguito, Rasca e Pica, e OGE – Casa da Xuventude. 

A iniciativa persegue un dobre obxectivo, dunha banda que a cidadanía poida descubrir novas obras literarias e xéneros distintos dos que habitualmente le. Doutra banda, a proposta busca facilitar o acceso aos libros ás persoas con menos recursos, para que as circunstancias económicas non limiten o consumo cultural. 

“Agardamos que a cidadanía de Viveiro mostre a súa habitual implicación e solidariedade, con aportacións de libros que permitan favorecer este intercambio e o acceso á cultura”, sinala Victoria Baamonde, concelleira de Benestar Social. 

0.17480397224426