Viveiro amplía os espazos de estudo durante o Nadal coa apertura dunha aula da UNED

AMariñaXa
O Concello habilita un novo espazo nos Claustros de San Francisco para dar resposta ao aumento de estudantes nestas datas
Viveiro-aula-estudo-Claustros-de-San-Francisco-2025
23 Dec 2025

O Concello de Viveiro puxo en marcha unha nova aula de estudo co gallo das vacacións de Nadal, co obxectivo de ampliar os espazos dispoñibles para o alumnado. Trátase da aula número 1 da UNED, situada nos Claustros de San Francisco, que se incorpora de maneira temporal á rede de instalacións municipais destinadas ao estudo.

Este novo espazo permanecerá aberto co mesmo horario que a Biblioteca Municipal, facilitando así a súa utilización por parte dos usuarios e usuarias. Deste xeito, poderá empregarse de luns a venres en horario de mañá, de 8.30 a 15.00 horas, e tamén pola tarde, de 16.30 a 20.30 horas, mentres que os sábados abrirá de 10.00 a 14.00 horas.

Desde o Concello explican que a habilitación desta aula responde ao notable incremento da demanda que se produce durante o período do Nadal, cando numerosos estudantes regresan a Viveiro para pasar as festas. Esta circunstancia provoca un aumento significativo da afluencia á Biblioteca Municipal, polo que a apertura dun novo espazo pretende mellorar as condicións de estudo e garantir un ambiente axeitado para todas as persoas usuarias.

⚙ Configurar cookies
0.10357999801636