Viveiro amplía o seu programa de compostaxe doméstico
Viveiro Sustentable, é o proxecto do Concello para a loita contra o cambio climático e defensa do medio ambiente. A primeira campaña do proxecto e á compostaxe domestica, na que xa están implicadas preto de 200 familias.
Este programa ten como obxectivo que 300 familias do Concello de Viveiro composten na súa casa. O único requisito é ser veciño do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto e motivado para formar parte deste proxecto educativo e formativo.
Agora, ábrese un novo prazo para que as persoas interesadas recollan o seu composteiro aínda que non estén apuntadas previamente no programa.
Entregaranse composteiros a tódalas persoas interesadas no Pavillón Polideportivo Municipal de Viveiro o martes 3 e o xoves 5 de agosto entre as 10:00 e as 14:00. Ao recollelo será necesario indicar un número de teléfono e o nome.
As persoas que recollan o composteiro recibiran unha chamada para completar os seus datos, tamén poden facelo nun formulario online antes ou despois da recollida.
Logo disto recibirán a visita das Mestras Composteiras que farán a labor de formación para o mellor funcionamento dos composteiros.
“Agradecemos a colaboración veciñal, con esta aposta pola compostaxe pretendemos que os residuos orgánicos xa non cheguen aos colectores da rúa, pechando así o ciclo da materia nos propios fogares”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.
Para participar de forma gratuíta no programa pódese completar un formulario (https://cutt.ly/yhO5rrF), enviar un correo electrónico a viveirosustentable@mediagesgm.com ou chamar ao número 675 507 832.