Viveiro alza a voz por unha atención digna ás persoas dependentes

Este xoves, 24 de abril, Viveiro converteuse nun dos escenarios elixidos polo Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG para reclamar unha mellora urxente na atención ás persoas en situación de dependencia. A concentración, que tivo lugar no corazón da vila mariñá, súmase ás mobilizacións convocadas en varias localidades do país para reivindicar a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas.
As persoas participantes puxeron o foco nas eivas do actual modelo, especialmente no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que consideran "desbordado e mal xestionado". A protesta nace da preocupación crecente ante unha realidade que afecta cada vez a máis fogares e que, segundo denuncian, “non recibe a resposta que merece por parte das administracións”.
Entre as principais demandas, o colectivo reclama que a Xunta de Galicia asuma a xestión pública directa do SAF, eliminando a súa actual externalización, que consideran fonte de precariedade e deterioro do servizo. Ademais, insisten na necesidade de reforzar o persoal dispoñible para atender a demanda crecente, ao tempo que urxen unha mellora das condicións laborais e salariais das traballadoras, cuxo labor consideran “imprescindible para garantir unha vida digna a moitas persoas maiores e dependentes”.
Desde o colectivo lembran que Galicia é unha das comunidades co maior índice de envellecemento da poboación, o que fai "máis evidente e prioritaria" a implantación dun sistema sólido, equitativo e sostible de coidados.
A mobilización en Viveiro quere tamén visibilizar a realidade que viven moitas familias da comarca da Mariña, onde a dispersión xeográfica e a falta de recursos públicos dificultan o acceso a servizos básicos de atención. “Non podemos permitir que os coidados sexan un privilexio só ao alcance de quen os poida pagar”, advertiron as persoas convocantes.