Viveiro adxudica o contrato de Axuda no Fogar, clave para o benestar de 250 usuarios
O Concello de Viveiro vén de adxudicar o contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) á empresa Idades SL, que se encargará da prestación deste servizo esencial durante os próximos dous anos. Con posibilidade de prórroga por dous anos máis, o contrato supón un investimento inicial de 3.520.129,60 euros, cun custo por hora de 20,39 euros máis o 4% de IVE.
A Axuda no Fogar, que presta atención a uns 250 veciños e veciñas, ten como obxectivo garantir o benestar de persoas en situación de dependencia ou vulnerabilidade. “Este servizo é un piar fundamental para o concello, xa que permite ás persoas máis vulnerables ter cubertas as súas necesidades básicas”, afirmou a alcaldesa, María Loureiro.
Con todo, a rexedora aproveitou para denunciar a insuficiente achega da Xunta de Galicia. Segundo explicou, a administración autonómica só achega 12 euros por hora no SAF para persoas dependentes, un importe que non cobre o custo real de 21 euros por hora que establece o contrato. Ademais, a Xunta non aporta nin un só euro para a modalidade de libre concorrencia, deixando ao concello a responsabilidade de asumir os custos.
Loureiro destacou que no ano 2023 o SAF de libre concorrencia tivo un custo de máis de 400.000 euros, dos cales a Xunta non contribuiu con ningunha achega. “Este importe foi cuberto grazas a fondos propios do concello, a achega mínima dos usuarios e os 200.000 euros da Deputación de Lugo”, sinalou. Este ano, a Deputación tamén asinou un convenio por valor de 132.000 euros para apoiar o SAF de libre concorrencia.
“Se a Xunta asumise as súas competencias en materia de benestar social, estes cartos da Deputación poderían destinarse a outras necesidades do concello”, subliñou a alcaldesa, engadindo que a falta de financiamento autonómico sobrecarga aos concellos. A Deputación de Lugo, a través do seu Plan Deputación, continúa sendo unha fonte de apoio importante para manter este servizo básico.
A pesar destas dificultades, durante o proceso de contratación o concello garantiu a continuidade do servizo sen interrupcións, consciente da súa relevancia para a calidade de vida das persoas usuarias. “O SAF é unha prioridade absoluta para nós, e seguiremos loitando para que todos os veciños e veciñas poidan recibir a atención que merecen”, concluíu Loureiro.