Viveiro actualiza o rexistro coa información sobre os clubes deportivos
Co fin de poder actualizar os datos dos clubs e asociacións deportivas, o concelleiro delegado da área de Deportes, César Iglesias, elaborou unha ficha coa que se pretende recoller información de interese de cada unha das entidades deportivas que desenvolven a súa actividade neste concello.
Estas fichas servirán para crear un rexistro no que se faga constar a actividade deportiva que desenvolven, a federación á que pertencen, o número de participantes por categorías ou os eventos que organizan, entre outras cuestións, ademais dos datos de contacto do seu representante.
As fichas referidas estarán a disposición dos clubes e asociacións deportivas tanto na web municipal como nas instalacións da piscina municipal (onde se poden recoller os formularios xa impresos); unha vez cubertas, deben entregarse na propia piscina ou remitilas á Concellaría de Deportes a través do enderezo electrónico deportes@viveiro.es.